O Arquivo social da memoria prepara para o 4 de decembro un concerto de grupos daquel momento
10 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Arquivo social da memoria está traballando intensamente para recuperar a Vilagarcía doutros tempos. Esa historia que pretenden poñer en valor componse de moitos feitos, de moitas imaxes, pero tamén de moitos sons. Así que traballando nestes temas xurdiu a idea de recuperar a música da Vilagarcía dos anos sesenta. Despois de meses de labor, ese pensamento tomará forma cun concerto no auditorio que se celebrará o próximo 4 de decembro.
Coa axuda dos meus amigos. Unha viaxe ao mundo musical dos 60
é o título deste proxecto que preparan con ilusión os integrantes do Arquivo, pero sobre todo os seus protagonistas, aqueles que desempolvan os seus dedos e as súas voces para lembrar os moitos grupos musicais que hai xa corenta anos poñían o ritmo nos salóns da época.
Moitos deles, acompañados polos responsables do Arquivo da Memoria e polo concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, estiveron onte presentes no auditorio para presentar esta cita coa memoria musical vilagarciá. Un acto no que os asistentes tiveron xa a oportunidade de abrir boca cun pequeno adianto do que será ese concerto.
Poucas entradas
O éxito da convocatoria está asegurado, como demostra o feito de que, a estas alturas, queden xa moi poucas entradas dispoñibles. Aínda que non había ningunha dúbida de que o auditorio se enchería ese día, os organizadores decidiron establecer un prezo simbólico para as entradas: tres, dous e un euro segundo o lugar do patio de butacas.
Os Lunix, Os Relámpagos, Manolo Porto e Milucho, Javier e Nano, o grupo de mulleres x+8 ou Os Strikes, volverán subir ao escenario o 4 de decembro para levar aos nostálxicos de volta aos anos sesenta. Iso si, nesta ocasión farano nun espazo ben diferente aos que existían por aquel entón, cando ningún vilagarcián soñaba aínda cun auditorio en terreos gañados ao mar.
Quen non chegue a tempo de conseguir entradas para esta cita seguro que terá unha nova ocasión de asistir ao concerto, porque despois deste primeiro reencontro co pasado seguro que veñen algunhas outras convocatorias no futuro próximo.