O asalto televisivo dos Ibéricos de Vilagarcía

Ataviados coma exipcios, tocaron o «Tutankamon twist» en TVE no 63


Aquel programa chamábase Salto a la fama e montouna bonita en Vilagarcía cando se emitiu a edición na que, todo o mundo estaba ben ao tanto, claro, actuaban os Ibéricos. A banda, que comezara a súa andaina un par de anos antes (estamos falando de 1963) a base de bandurras e guitarras clásicas, conseguira unha formación estable e un son estruturado como para competir con éxito nos platós de TVE.

Aquela noite, a xente na capital arousá ateigou bares e sociedades para comprobar como os seus conveciños Carlos Puga (baixo, daquela), Pablo de la Fuente (guitarra rítmica), Mingos (guitarra solista), Alfonso Galbán (piano) e Waldo Galbán (batería) trunfaban no seu primeiro asalto televisivo. Axiña estendeuse o desconcerto entre o público. Non había xeito de recoñecer a ningún deles. ¿Onde estaban os rapaces de Vilagarcía? En realidade, alí mesmo, diante das cámaras. Ocorre que antes de saír a escena, nos camerinos, un tipo de produción se achegara aos Ibéricos vilagarciáns para preguntarlles se tiñan algún tema de seu. «Pensei no Tutankamon twist , unha cousa que tocabamos entre tema e tema nos ensaios, e o home aquel decidiu vestirnos de exipcios; nós, con tal de tocar, fariamos calquera cousa», lembra Carlos Puga.

Hoxe resulta do complicado atopar a gravación da mítica actuación nos arquivos de TVE. Pero, cando menos, quédanos unha imaxe dos faraóns vilagarciáns, auténticos precursores das Bangles, no seu camerino. No que respecta aos protagonistas daquel desembarco musical en Madrid, están ensaiando cada mércores no auditorio para preparar o festival sesenteiro que O Faiado ten programado o día 4 de decembro. Cos lóxicos cambios, claro, porque por desgraza Waldo Galbán finou moi novo e hai algún vello integrantes da banda que tampouco non asistirá a unha cita que está a xerar a súa boa expectación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos

O asalto televisivo dos Ibéricos de Vilagarcía