Joaquín Padín lévase o campionato social do Pérez Sub

La Voz

AROUSA

20 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Club Deportivo Pérez Sub organizou o pasado domingo en augas de San Vicente do Mar o seu campionato social de pesca submariña. Joaquín Padín Cardalda, con catro pezas puntuables, foi o gañador da cita, con Víctor Narduzzi González segundo con tres pezas puntuables, e con Javier Carballo López terceiro clasificado con dúas. Víctor Narduzzi levouse ademais o premio á maior peza capturada.

A proba do Pérez Sub arrincou ás nove da mañá, para prolongarse ata a unha da tarde do pasado domingo, con boas condicións meteorolóxicas de mar e de vento. As ondas chegaron ao metro de altura aproximadamente, e os ventos foron frouxos.

A organización do campionato agasallou os participantes cun pincho ao termo da proba, acompañado da entrega de recordos, cheques desconto e premios para os pescadores.