Gabi Leis, confiado en poder puntuar en Cerceda pese á dureza do rival e as baixas do Vilalonga

La Voz

AROUSA

O Vilalonga ten esta tarde unha das probas máis esixentes do calendario da Terceira División galega. Aos homes de Gabi Leis tócalles rendir visita ao Cerceda (O Roxo, 18 horas) . Un equipo que para o técnico do cadro arousán «ten o mellor plantel da competición».

Da mesma opinión era a semana pasada o adestrador do Céltiga, Pablo Vázquez, que hai sete días sufría nas súas propias carnes a derrota a mans do Cerceda no Salvador Otero. Iso si, despois dun partido entre iguais, que só se zanxou cun gol no período de prolongación que elevaba o 2-3 ao marcador final. A pegada do conxunto coruñés quedaba entón perfectamente comprobada, e o investimento do club en nomes coma Felipe, Xaco ou Franqueira saldaba un novo prazo de amortización.

O triunfo do Cerceda na Illa deulle ao rival de turno do Vilalonga o seu sexto punto, que o situaba ao termo da terceira xornada de Liga na quinta praza da clasificación provisional. Rozando a zona de promoción de ascenso á Segunda B.

Eles son os favoritos

A posición do Cerceda contrasta coa dun Vilalonga que cun só punto sumado de 9 posibles é quinto pola cola da táboa.

Así as cousas, e sopesados todos os factores en xogo, Gabi Leis non ten reparo en recoñecer que «está claro que os favoritos son eles». Sobre todo, polo feito de xogar na casa.

Dito isto, o preparador visitante amósase ambicioso: «Se estamos ao noso nivel, podemos sacar algo positivo do campo do Cerceda».

Entre dous conxuntos que apostan pola combinación como filosofía deportiva, Gabi Leis agarda ver a un adversario que tentará tomar a iniciativa, «pero non creo que arrisque moito». E é que grazas á súa extraordinaria pegada -o Cerceda acumula xa media ducia de goles en tres xornadas-, o anfitrión do Vilalonga non precisa de numerosas ocasións de gol para engordar a súa produción ofensiva.

Por iso mesmo, unha das maiores preocupacións de Leis son as accións a balón parado. «Temos que ter moito coidado na liña defensiva. Eles teñen bos lanzadores, polo que debemos evitar cometer faltas preto da nosa área», explica.

Suso, Leo e Sarró voltan a compoñer o parte de baixas do Vilalonga, co consiguinte problema á hora de cubrir o lateral esquerdo. O técnico do cadro arousán comentou onte que ante esta situación a última fichaxe do club, Nano, «ten posibilidades de debutar».

O Vilalonga buscará a que sería a súa terceira victoria no Roxo na Terceira. Un campo que xa visitara en once ocasións, perdendo en seis delas e empatando noutras tres.