Pedro Nimo dará o pistoletazo de saída nas vodas de prata da Carreira Popular de Meaño

AROUSA

27 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A asociación GAM (Grupo de Amigos de Meaño) presentou onte a vixésimo quinta edición dunha das súas actividades estrela, a Carreira Popular de Meaño-Gran Premio Albariño Rosalía de Castro. Fíxoo na Quinta de San Amaro, co maratoniano e mundialista Pedro Nimo, gañador da edición do 2004, coma invitado de honra.

O presidente de GAM, Marcos Castro, anunciou que será o propio Nimo o que dea o pistoletazo de saída á proba o 13 de setembro, nun acto que servirá de homenaxe recíproco entre os responsables da carreira e o atleta.

Neste senso, Marcos Castro lembrou o respaldo que desde sempre lle deu Pedro Nimo á cita de Meaño, e ás populares en xeral, ao tempo que gabou a actuación do santiagués no maratón do Mundial de Atletismo a pasada fin de semana. En Berlín o compostelán foi, dixo o presidente de GAM, «un campión de verdade. Non foi medallista, nin sequera finalista, pero rematou a proba correndo con dor, lesionado. Puidendo abandonar, decidíu rematar pola xente de a pé que o estaba a apoiar».

Pola súa banda, Pedro Nimo salientou o valor das populares. «Grazas a elas -comentou- moitos amigos e compañeiros puideron chegar a mundiais e olimpíadas, e establecer marcas». E agora, o santiagués quere «devolverlle ese pequeno favor que me fixo a Popular de Meaño» no seu momento.

Castro adiantou as novidades da vixésimo quinta edición da cita meañesa. A principal delas, a redución dos trazados da categoría intermedia (8 a 13 anos), que pasa de 2,5 a 1,6 quilómetros, e a dos máis cativos (5 a 7 anos), que queda en 1.070 metros.

O trofeo deste ano, de novo obra de Mar Barral, cambia o seu deseño para inspirarse na arquitectura da igrexa de Meaño. Unha forma máis de enxalzar as vodas de prata, que quedan reflectidas na reprodución nos carteis e nos folletos da carreira de todos os seus gañadores dos que se conserva imaxe.