Proxecta 09 achega esta noite á Alameda as mellores proxeccións fotográficas de 15 profesionais

La Voz

AROUSA

19 ago 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Hai tempo que José Luiz Oubiña e Miguel Riopa acubillaban a idea de trasladaren a fotografía á rúa. Conseguir que, por unha noite, as imaxes abandonen as paredes das salas de exposición para achegarse ao público en xeral, a toda a xente que nunca pisa este tipo de recintos pero que, coma calquera, pode caer seducida polo atractivo dunha fotografía suxerinte. Aquela angueira cobrou forma, o pasado verán, en Proxecta 08, que a concellería de Cultura de Vilagarcía apoiou decididamente. Hoxe mesmo desenvólvese a segunda edición deste certame, desta volta co respaldo engadido da Autoridade Portuaria e da Deputación de Pontevedra.

A cita é as dez e media, na Alameda vilagarciá. Malia que o escenario no que se desenvolveron o Vilagarcía Blues Festival e Un mundo de músicas foi xa desmontado, a colaboración do Porto, cuxo presidente, Javier Puertas, participou onte na presentación do evento, permite que Proxecta 09 teña lugar no exterior da antiga Comandancia Naval. A proxección, nunha grande pantalla, concíbese en series sucesivas nas que participan un total de 15 profesionais da imaxe. Art in Nature (Miguel Lasa), Forced Identity (Pep Bonet), Miedo en los Grandes Lagos (José Cendón), Compostela, un ano de Voz (Xoán A. Soler, Álvaro Ballesteros, Sandra Alonso e Paco Rodríguez), Bodas gitanas (Mónica Vila), In Memorian (Gimena Berenguer), A derradeira matanza (Miguel Muñiz), Agora non podemos parar (José Luiz Oubiña), Aus Schmalegg (Luis Barreiro), Individual (Ramón Vaquero), Peering (axencia France-Press) e Camboya (Carlos Rubio) compoñen o programa desta noitee, que se verá nun único pase, co acompañamento musical recomendado polos propios autores.

A escolla da data non se deixou ao azar, posto que hoxe se celebra o Día Mundial da Fotografía. E, malia o que se puidera pensar vendo a extracción profesional dos dous organizadores, non se trata unicamente de fotografía de prensa. Hai imaxes espectaculares de natureza, cun autor de primeiro nivel coma Miguel Lasa. Tamén traballos conceptuais, máis próximos á arte ca a calquera outra expresión. Mesmo un achegamento á fotografía comercial e publicitaria.

O responsable de Cultura e tenente de alcalde de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, subliñou ao longo da presentación o carácter vangardista da proposta, á que tamén se adheriron Paqui Canal, en representación da Deputación, e Puertas, na súa primeira intervención destas características dende a súa toma de posesión. Hai, pois, material para debater sobre se aquilo de que unha imaxe vale máis ca mil palabras é ou non é.