«Os políticos tiñan que saír máis dos despachos e tomar cafés coa xente»

AROUSA

O voceiro dos veciños de Rubiáns analiza a actual situación do rural vilagarcián lamentando que «hai xa unha xeración perdida para a política» por desinterese

18 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Os acordes de Pink Floyd levan resonando toda a vida na mente e no ambiente de Xurxo Abuín. A paixón pola música arrancou ben cedo, de feito, aos doce anos xa formaba parte do grupo Agarimo, que el mesmo formara. Dende aquela ata agora as cousas mudaron moito, pero a esencia segue a ser exactamente a mesma.

Ante a pregunta de cal é o lugar onde Xurxo botaría unha e mil veces as súas raíces, a resposta é sempre, unha e mil veces, a mesma: en Rubiáns. O certo é que a praza do Souto é ademais o seu lugar predilecto e «emblemático», o sitio que coñece dende meniño. Alí xogou e medrou, alí está o campo de tantas festas e tamén está situado o centro sociocultural, o que lle «consume a meirande parte do tempo libre».

Exceptuando as etapas que por mor do traballo tivo que vivir noutras localizacións, sempre estivo en Rubiáns, que é onde quere seguir estando. Entende que «vivir no rural posibilita unha tranquilidade, un trato diario cos veciños e unha visión distinta dos problemas que os núcleos urbáns non ofrecen», ainda que é consciente de que existen outro tipo de aspectos, como «a dependencia do coche para todo» e lamenta que «é ainda peor cando non tes coche, porque habitualmente acabas xurando en hebreo se tes que coller o bus».

Precisamente sobre esa idea de que Rubiáns está en certa maneira aillada, a pesares da proximidade xeográfica, Abuín é dos que pensa que «non será fácil que pase a ser parte de Vilagarcía en pouco tempo» ademais de asumir que «ten unha recta deshumanizada, con galpóns a un lado e a outro e casas no medio».

Ainda así, momentos e hábitos como o de «sentarse baixo unha árbore despois de comer» teñen para el «un valor incalculable» e só se poden facer realidade nun escenario como o seu. É máis, asegura que non sería capaz de vivir na praza de Galicia e confesa que lle encanta o mar, pero «durante o inverno» porque non está a favor das aglomeracións de xente.

Pasado, presente e futuro

«O gran problema de Vilagarcía hoxe é que se está a converter nunha cidade de servizos, e iso non é bo porque faltan polígonos industriais ben planificados. Ata que non teña empresas radicadas no territorio que aseguren o traballo da xente, estará condenada a non medrar». Esa é a radiografía que fai Xurxo Abuín sobre a que todavía é a oitava cidade de Galicia.

A experiencia confírmalle que «os cambios déronse en todos os aspectos» ainda que ten claro que unha vez máis ten que ser «absolutamente crítico co reparto dos fondos procedentes dos impostos dos cidadáns, porque todas as parroquias do rural son as grandes esquencidas, cando os cartos tiñan que ir aos sitios máis necesitados».

Sobor do futuro, e poñendo especial atención ao mal endémico das inundacións, Abuín quéixase de que «imos para dous anos intentando resolver algo que é casi insignificante e o único que recibimos son palabras e promesas que non se cumplen nunca».

Ainda así, do que realmente se fala e se discute en Rubiáns, e sobre todo no Souto, é do proxecto da praza. «O cabalo de batalla», como lle gusta identificalo ao presidente da asociación veciñal, «está complicado». De feito, dubida «que se faga este mesmo ano, como nos prometeu a alcaldesa», xa que lonxe dos 149.000 euros que manexa a Deputación, os veciños taxan en arredor de 600.000 euros a inversión precisa, ainda que non perden a esperanza.

«Política de verdade»

Xurxo foi concelleiro de participación cidadá e de entorno rural polo BNG. Estivo oito anos en Ravella e finalizou a súa etapa por negarse a dar o brazo a torcer, a pesares de todo o ocorrido, e por iso, e porque sigue vivindo do outro lado, entende que «os veciños son os que fan política de verdade, con maiúsculas». Como hai moitos xeitos de facer política, el diferencia entre o que fai e o que reclama o pobo e a laboura dos representantes municipais.

A experiencia na loita veciñal ensiñoulle que «é positivo rodearse de xente de todas as ideoloxías porque ainda que teñan ideas políticas opostas ás túas, poden dar grandísimas aportacións ás causas».

O gran problema que detecta o ex concelleiro é que «a política estase a profesionalizar, e iso non é bo». De feito, o diagnóstico que confecciona é que «os políticos tiñan que saír máis dos seus despachos e tomar máis cafés coa xente, para conversar con eles e para poder escoitar os seus argumentos».

Tamén el pensa que «falta calidade no debate político». «En Vilagarcía -argumenta- estamos moi lonxe dos debates de finais dos setenta e todo está supeditado á razón da forza dos concelleiros de cada partido». É máis, denuncia que «o nivel de participación cidadá actual xa existía no ano 75, con Franco vivo».

Por mor de todo isto, lamenta que «en Rubiáns haxa unha xeración perdida para a política, desencantada e carente de interés social co seu pobo». O peor é que esa xeración é a dos adolescentes, e por iso «o futuro está nos nenos».