O Inelga BBC busca a permanencia na cancha do líder


Gañar esta tarde na cancha do líder, o Lan Mobel ISB, e agardar a que o Grupo CLN ou o Universidad de Valladolid perdan os seus partidos. Esa é a ecuación que hoxe pode asegurar a permanencia do Inelga BBC na Liga EBA na penúltima xornada do campionato regular. Unha xornada na que todos os partidos comezan á mesma hora, ás sete, para que ningún dos implicados nas loitas por arriba e por abaixo da clasificación xogue con vantaxe.

A mala nova para o Inelga BBC é que as matemáticas lle obrigan a vencer a domicilio a un equipo que non só é o mellor da Liga, senón que ademais non perdeu un só encontro na súa pista no que vai de tempada. O Estudiantes de Lugo, na quinta xornada de Liga, foi o que máis preto estivo de acadar a fazaña, pero acabou perdendo por un punto, 90-89. A meirande parte dos resultados do Lan Mobel ISB ante os seus siareiros foron trunfos contundentes, nalgúns casos con humillación no marcador para o cadro foráneo.

Nembargante, tamén hai elementos para a esperanza entre a expedición arousá. O primeiro deles, o feito de que o Lan Mobel ISB xa non se xoga absolutamente nada a nivel clasificatorio. Con catro victorias de diferenza sobre o CB Santurtzi, ten máis que asegurado o título de campión do Grupo A da Liga EBA. E coa esixente fase de ascenso á LEB Bronce á volta da esquina, é de supoñer que o equipo vasco non exporá os seus xogadores a un desgaste maior do estrictamente preciso para manter o colectivo no mellor ton posible.

Ademais, no Inelga BBC son conscientes de que o seu adversario de turno é superable (perdeu cinco partidos na Liga). Na primeira volta o líder só foi quen de impoñerse en Fontecarmoa por catro puntos ao seu favor, cun axustado 81-85 final.

O esforzo que requerirá vencer o líder cobra maior dificultade dados os problemas físicos que afectan a boa parte da columna vertebral do plantel vilagarcián. Pablo Villaronga e Gustavo Andújar seguen a arrastrar as súas molestias nas costas e nun nocelo, respectivamente, mentres que o cubano Juan Mato mantén un dos seus xeonllos ao límite. Xunto a eles, Moisés non se adestrou desde o martes a causa dunha infección de oído. A única boa nova foi a recuperación total de Víctor Ramos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

O Inelga BBC busca a permanencia na cancha do líder