O Concello inaugura o luns unha exposición propia sobre a Vilagarcía dos anos trinta

La Voz

AROUSA

09 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O luns inaugúrase, no auditorio municipal, a exposición de referencia do mes de abril en Vilagarcía. Trátase dunha produción propia do Concello, dirixida polo historiador Antonio Caeiro, un dos responsables do proxecto Faiado da Memoria que Cultura impulsa dende o Arquivo de Memoria Social de Vilagarcía. A mostra artéllase encol de 18 paneis con abondoso material gráfico, artigos da época e dúas pantallas nas que se proxectarán fragmentos da película Doña Francisquita (1934), do documental Un viaje por Galicia , con imaxes do peirao de ferro, Cortegada e Vista alegre, e dunha visita de Alcalá-Zamora. Todo, para recrear a Vilagarcía dos anos trinta arredor das figuras do doutor Moreira Casal e a artista Matilde Vázquez.

Son varios os factores que contribúen a potenciar esta iniciativa. Especialmente a coincidencia, o martes, co 78 aniversario da proclamación da Segunda República. Ao seu carón, dúas mostras complementarias, tamén no auditorio, sobre a República en Galicia e as dificultades de editar en lingua galega fronte á censura imposta pola ditadura.

As dúas figuras sobre as que xira esta mostra son dous auténticos iconos dunha época en Vilagarcía. Moreira Casal foi o médico da xente, sempre disposto a acudir a calquera aldea sen reparar en minutas. Militante do Partido Galeguista, foi duramente represaliado e desterrado a Teruel. De alí voltou xa enfermo e finou con só 44 anos. Non se lembra na vila un enterro coma o del. Malia as ordes dos representantes do novo Réxime, unha multitude asistiu a el, e o seu cadaleito foi portado a ombros dende Rosalía de Castro ata o camposanto.

Mais, explicou Caeiro, non se trata de falar da guerra, senón do presente daquela República e aquela década. Matilde Vázquez, á súa vez, aínda que nada en Cambados pasou a súa infancia na capital arousá e sempre se reclamou como vilagarciá. Estrela da canción da época, chegou a intervir en cinco películas (unha delas, a que se proxectará no auditorio).

A inauguración, apuntaron o tenente de alcalde, Castro Ratón, e o propio Caeiro, será o luns ás sete e media da tarde.