O presidente de Unha Grande Chea explica por que non actuaron no Entroido deste ano. Faino, no seu barrio natal. Porque este cambadés é un «trianero» de pura cepa
28 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«Entre os veciños de Triana hai unha relación moi especial, aínda que moita xente xa non vive aquí». Deste xeito explica Xaquín Charlín a relación que mantén co seu barrio natal. Triana no só está en Sevilla, tamén en Cambados, concretamente entre a praza de Fefiñáns e a ribeira do mar. É un barrio «de xente moi humilde e sinxela», engade o presidente de Unha Grande Chea. A comparsa con máis historia e tradición de Cambados funciona hoxe case que coma unha asociación cultural. Organiza actos para honrar a Cabanillas e mantén un blog que é dos máis visitados do municipio. Pero aínda ten tempo para máis. Charlín é tamén directivo do club de fútbol e, este ano, participa na obra de Teatro Caracol. «Algúns din que fago todo isto por afán de protagonismo, pero a verdade é que o paso pipa», aclara.
Trala celebración dos seus 25 anos de existencia, Unha Grande Chea revivíu. Nos últimos tempos encargouse de animar o entroido de Cambados, montou un blog que é dos máis consultados en Internet e meteuse de cheo nos festexos polo Ano Cabanillas. Incluso mudou de presidente, «houbo xente que cré que cumpríu unha etapa e marchou. Outros decidimos que era unha pena desfacer esta asociación», explica o novo responsable da comparsa. Sen embargo, no entroido deste ano botáronse de menos as súas parodias e actuacións. «A xente está moi cansa de competir co Concello, que é algo ilóxico. Perdemos a filosofía de divertirnos por divertir á xente», engade. A transformación foi tal «que nos convertemos en meros actores. Este ano, en cambio, pasámolo en grade», lembra. Porque si que se lles puido ver polas rúas, disfrazados e gozando coa súa festa favorita.
Na súa opinión, o Concello debería terse involucrado máis no entroido. Pon coma exemplo, o Momo de Vilanova, «porque quedei alucinado de como pode evolucionar algo cando hai apoio institucional» e considera que «o entroido debe sacarse á rúa. Non é tan difícil organizar un desfile de carrozas». Lembra con morriña «o esplendor dos anos 70, cando andaba moita xente pola rúa e os bailes eran espectaculares. Era típico que os de Triana nos disfrazaramos de muller». E promete que, o vindeiro ano, voltarán colaborar no enterro da sardiña cun boneco. Porque Unha Grande Chea foi a encargada, durante anos, de organizar a despedida do entroido.
Un blog moi visitado
Dende que reviviu, Unha Grande Chea apostou por manter en Internet un espazo no que informar das súas actividades. Co tempo, este converteuse nun lugar sobre Cambados. «Temos 142.000 visitas e creouse no 2005, que para ser un blog de pobo son moitas visitas», argumenta. Son moitos os emigrados que empregan esta páxina para manterse ao día do que sucede no seu municipio. «Hai xente de Canarias, incluso un home de Venezuela que hai anos que non vén a Cambados, que ás veces mandan cartas dando as grazas. Iso é que te reconforta», afirma. Aínda que tamén hai oco para as opinións, «porque ás veces dáme a vea política e enfádome. Agora estamos calmados porque xa pasou o terremoto».
Pero ás veces esa información xera críticas, «que se son construtivas hai que aceptalas». O que non lle gusta tanto «é a dicotomía que existe neste pobo. Ou es dun bando ou doutro», argumenta. Asegura que se leva ben «con xente de dereitas e de esquerdas» e que «todos podemos estar xuntos. Se fas actos ben, hai que aplaudilos, pero se outra xente os fai e non vai representación institucional...». Refírese, claro está, ás celebracións do Ano Cabanillas, das que Unha Grande Chea se sinte responsable, pois a idea xurdíu na homenaxe que a comparsa lle organizou ao poeta. «Facendo o camiño de Santiago co Fico empezamos a falar de que se cumprían os cincuenta anos da súa morte» e de aí saíu a idea das celebracións. Sobre os festexos, considera que se están facendo moitas cousas e anuncia que á comparsa aínda lle quedan algunhas máis por facer, aínda que recoñece que «Don Ramón berraría se vira todo isto porque nunca lle gustaron estes actos».
Ademais da comparsa, aínda ten tempo para facer un papel na obra de Teatro Caracol e para ocuparse do club de fútbol. «Renovo todas as semanas a páxina web do Cambados e son o delegado do Cambados B porque me encanta estar cos rapaces», explica. Espera que todo o traballo «culmine coa festa do ascenso porque é hora de que Cambados viva un ascenso».
¿De onde saca tempo para todo? «Porque son funcionario», contesta sen dubidalo. Enseguida engade que os traballadores da xustiza viven agora moito mellor en Cambados, «desde que se creou o cuarto xulgado. O traballo está ao día, non hai apuros, nin atrancos e non tes que citar á xente para dentro de catro meses», explica. Nada que ver con cando empezou a súa vida xudicial, no ano 79, e só había unha sala para toda a bisbarra. «Metiamos as denuncias nunha caixa e só se tramitaban se había detidos», lembra. Un preito «tardaba entre seis e sete anos», engade. Agora, O Salnés dispón de sete salas «e todo en só trinta anos». Para que alguén se queixe, tras oír isto, do lenta que vai a xustiza actual.