O As Torres-Romaría Vikinga remata sexto na xeral da Regata Internacional de Pais de Calais

La Voz

AROUSA

28 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Club de Piragüismo As Torres-Romaría Vikinga completou a pasada fin de semana a súa terceira participación na prestixiosa Regata Internacional de Pais de Calais cun máis que meritorio sexto posto na clasificación final por equipos.

Baixo a dirección de Manuel Isorna, o club catoirense defendía o subcampionato na cita francesa, considerada no mundo do piragüismo a máis esixente do calendario europeo invernal. O segundo posto resultou inalcanzable, pero o resultado final é notablemente satisfactorio para unha expedición galega que viaxaba coas importantes baixas de María Pérez, Natividad Busto, Rubén Tobío e Fernando Silva. Os catro, ausentes por mor dos seus respectivos compromisos laborais e académicos.

En Pais de Calais o As Torres competíu con outros 60 equipos procedentes de 16 países do vello continente, incluídas as seleccións nacionais de Gran Bretaña e da ex república soviética de Uzbekistán. O Saint Laurent Blangy, club organizador, foi o vencedor da proba.

A Regata Internacional de Pais de Calais arrincou na localidade de Arras cunha contrarreloxio de 2000 metros na que os seis primeiros se clasificaban para a final A, e do sétimo ao decimosegundo para a final B.

Tres dos 23 padexeiros desprazados polo As Torres accederon ás regatas polos títulos das súas respectivas categorías, xa sobre unha distancia de 800 metros. Brais Martínez colgouse a prata na final de canoa cadete. Diego Romero, pola súa banda, foi sexto no C-1 Sénior masculino, idéntico posto ao acadado por Diego Miguéns na canoa júnior.

Outros oito piragüistas do equipo catoirense accederon ás finais de consolación. No C-1 Sénior masculino, Ismael Pesado e Miguel Salgado coparon por esta orde as dúas primeiras prazas. Pedro Ferro, en K-1 Júnior, impúxose na súa final B, co seu compañeiro Marcos Barreiro finalizando undécimo da xeral. Antonio Lobato asinou o noveno posto no cadro de competición da canoa júnior. Anxo Galbán e Pablo Cudillero foron noveno e duodécimo no C-1 Cadete, respectivamente. E Marta Conde liderou os resultados das damas do Baixo Ulla cunha segunda praza na final de consolación cadete (oitava da xeral).

Ademais, Gloria Silva (K-1 Dama Sénior), Daniel Vázquez (K-1 Cadete) e César Lombera (C-1 Cadete) quedáronse ás portas das súas respectivas finais B, con sendos decimoterceiros postos.

O coordinador deportivo das Torres-Romaría Vikinga e responsable da expedición a Francia, Manuel Isorna, manifestou á volta da viaxe que «estou moi contento coas sensacións que traemos para casa, xa que este ano o nivel da regata era moi alto, e o rendemento dos nosos deportistas foi excelente, mellor incluso do agardado a estas alturas», a un mes do inicio da tempada.