«Son unha lenda viva. O piragüista con máis mundiais da historia»

AROUSA

O canoísta do Breogán pon esta noite o broche de ouro á súa extraordinaria carreira deportiva recibindo na Toxa a piragua de honra na Gala Nacional do Piragüismo

08 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Na Toxa, en casa, fronte á elite do deporte ao que lle dedicou os últimos 28 anos da súa vida, Fredi Bea pon esta noite o broche de ouro a unha extraordinaria carreira deportiva. Ante o secretario de Estado para o Deporte, Jaime Lissavetzky, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e entre os medallistas olímpicos Carlos Pérez Rial, David Cal e Saúl Craviotto, o canoísta do Grove despídese do mundo da competición recibindo a piragua de honra da Real Federación Española na Gala Nacional do Piragüismo.

-Eu comecei con 11 anos cando o piragüismo era todo feito de madeira, e báixome da canoa con 39, cos palistas sobre embarcacións de fibra de carbono e traballando con simuladores.

-Poucos poderán presumir coma vostede de ter estado 20 anos na elite do piragüismo nacional e internacional...

-Si. A nivel mundial seremos dous ou tres. O alemán Andreas Dittmer e a italiana Josefa Iden, que aínda foi subcampiona olímpica con 41 anos. Desde o primeiro Mundial de Pista ao que fun, en Bulgaria no 89 con 19 anos, ata o de Alemania, o ano pasado, fun o único palista que asistíu a todas as edicións ininterrumpidamente. Son o piragüista con máis mundiais da historia. Unha lenda viva. O abuelete. Son o último mohicano -di con sorna-. Con 18 anos xa estiven preseleccionado para ir a Seul 88 e estiven en catro Xogos Olímpicos. En Barcelona 92 quedeime na semifinal de C-1 1.000, e conseguín dous diplomas en Atlanta 1996 xunto con Oleg Shelestenko Sánchez -7º en C-2 500 e 8º en C-2 1.000-, e xa con David Mascato un en Sídney 2000 -4º en C-2 500- e outro en Atenas 2004 -7º en C-2 1.000-. Conseguín tres ouros, unha prata e un bronce nos Xogos do Mediterráneo entre 1991 e 1995. Fun subcampión do mundo de pista de C-2 1.000 en Polonia no 2001, e estiven 14 anos ininterrumpidamente entre as oito mellores tripulacións de C-2 en pista a nivel internacional. Nos catro últimos anos rematei sempre no podio do Mundial de Maratón. Na selección española ninguén estivo tanto tempo coma min. E teño entre 60 e 70 medallas a nivel nacional. Son o único canoísta en España con títulos nacionais en todas as embarcacións, C-1, C-2 e C-4, e en todas as distancias, desde 200 metros ata maratón.

-Vai ser difícil cubrir un oco así en España...

-Sinceramente, ogallá que non o fose, pero vaino ser. Ou se cambia moito o nivel de traballo cos barcos de equipo na selección, ou vexo moi complicado que España poida contar cun C-2 nos Xogos de Londres 2012. Ogallá me equivoque.

-Se vostede non caeu na marmita de ningún druida, ¿cal é o secreto da súa longa carreira deportiva?

-Non. Non caín. Penso que o máis importante foi non pensar nunca que era o mellor. Traballar, traballar e traballar. Ese foi sempre o meu truco. A constancia. No ano 97, despois dos Xogos Olímpicos de Atlanta, algúns xa me xubilaban con 27 anos.

-Pero a vostede non houbo quen o xubilara...

-Non, non, voume sendo o mellor C-2 en España. Non me gañou ninguén.

-¿Cando foi consciente de que o seu era darlle á pa?

-Cando me dixeron que non valía. Cando era pequeno xoguei ao baloncesto, ao balonmán, ao fútbol, e con 11 anos comecei no piragüismo. Eu era un pouco baixo, e José Paredes, que daquela era o adestrador do Breogán, dicía que non tiña futuro neste deporte. Ao ano seguinte xa gañaba todas as competicións galegas da miña categoría.

-Catro diplomas olímpicos encabezan o seu currículo. ¿Faltoulle quizais un pelotazo, coma un título internacional?

-O meu soño coma palista era gañar unha gran proba. Pero para non valer -comenta con retranca-, bastante fixen. Se tivese tido unha pizca máis de sorte nalgunha ocasión... Non serei un deportista que tivese deslumbrado por un gran resultado, pero creo que o deporte é tamén traballo, pundonor e loita. E todo iso si demostrei telo.

-O deporte de competición está marcado por breves momentos, de gloria uns, con sabor a derrota outros. ¿Marcha con algún recordo grabado a fogo?

-En negativo, non ter chegado á final dos Xogos de Barcelona, no meu país. E terme amargado a vida nos últimos anos, que non nos deixaran competir, que era o único que queriamos. Non tivemos apoio para clasificarnos para Pekín. Alá o responsable coa súa conciencia. Eu, pola miña parte, non odio a ninguén. Non son así. Sería estúpido odiar, porque iso so me quitaría o sono. A nivel positivo, quédome cos moitos amigos que fixen, e con me ter levantado todos os días tentando mellorar. É o que levo feito estes últimos 20 anos. Levantarme cada día para tentar ser mellor.

-¿Por que a retirada agora?

-Por cansancio. Falta de motivación. Non é que o meu corpo non aguante máis, é o meu cerebro o que está canso. Tamén é lóxico. Non sinto que deixara de facer nada na vida polo piragüismo, pero agora apetéceme facer outras cousas.

-¿Vaise con algunha espiña cravada?

-Non... Non, non, non. Eu dino todo. Polo tanto, voume moi tranquilo. E non me vou, só cambio de fase. Agora adestro os cativos do Breogán, e asesoro o presidente da Federación Galega. Deixo o remo da galera para manexar o bombo -di rindo-.

-¿Que supón para vostede recibir a piragua de honra da Federación Española?

- (Silencio) Entrei no piragüismo sen facer ruído, e quérome marchar igual. Non quero homenaxes, porque haberá xente que se estará frotando as mans, e outra que o lamente. Agradezo a piragua de honra, pero non lle dou maior importancia. Que ma dan, ben, que non, non pasa nada. O que ao mellor lle teño que pedir á Federación Española é que pidan para min a Medalla da Real Orde do Mérito Deportivo. Para outros coa metade do meu palmarés solicitárona. Pero como nunca fun amigo do poderoso... Nunca se acordaron de min para iso. Eduardo Herrero, un adestrador nacional, dicíame sempre que era un defensor de causas perdidas. Sempre fun un protestón. Un rebelde con causa.

-¿Por que lle gustaría ser recordado no piragüismo?

-Un fallo que ten o mundo do piragüismo é que é que as súas figuras son efímeras. Os rapaces non as recordan, coma si pasa cos futbolistas. De min acordaránse os meus compañeiros e amigos. Con que me lembren como unha boa persoa chégame.