A canteira do Cambados Tenis de Mesa inicia unha nova tempada coa entrada en acción de cinco equipos

La Voz

AROUSA

01 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Cambados Tenis de Mesa ponse un ano máis mans á obra. Nesta ocasión, coa base tomándolle a dianteira ao primeiro equipo, o Establecimientos Otero, que esta semana descansa na xornada inaugural da División de Honra española.

Na Segunda División Masculina, o Cambados T.M. conta esta tempada con dous representantes, o Grupo Barros e mais o Joyería Enrique. Ambos, con sendos encontros a domicilio na tarde do sábado.

O Grupo Barros visitará o Vincios de Gondomar ás 19 horas. O cadro arousán agarda demostrar desde o primeiro minuto a súa condición de aspirante ao ascenso, cun plantel de luxo formado por Karol Hasek, Ñajo Padín e Fernando Padín.

Moi diferente é o horizonte do Joyería Enrique. A súa condición de recén ascendido á Segunda División Nacional Masculina faille partir co obxectivo da mera supervivencia na categoría. O Liceo Casino de Vilagarcía será o seu primeiro escollo, o sábado a partir das cinco da tarde.

O Caixanova abrirá o domingo ás once e media da mañá a súa participación na Primeira División Nacional Feminina recibindo o DubraTambre. Gema Cores, Raquel Martínez e Cristina Barreiro estréanse nunha competición na que parten coa intención de pulir o seu xogo.

Na Primeira División Galega, o CaixaGalicia representará o Cambados T.M., con Miguel Chaves, Ramón Padín, Ramón Barros, Rubén Lois e Tomás Carvajal nas súas filas. O quinteto arousán loitará por meterse no grupo de ascenso. O Monteporreiro, o sábado ás cinco da tarde, será o seu primeiro escollo.

Dous alevín en acción

O Cambados T.M. verá tamén esta semana o inicio do Insucarpi. O mesmo día e á mesma hora có CaixaGalicia, o cadro da Segunda División Galega abre a Liga cun interesante derbi comarcal recibindo o Ribadumia. Julio Regueiro, Enrique Barreiro e Pablo Regueiro lideran o plantel cambadés, que tamén contará cos xogadores alevíns Iván Lois e Martín Regueiro.