«Os húngaros levan sete títulos consecutivos, pero son humanos, e chegará o día de gañarlles»

AROUSA

24 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Triple subcampión do Mundo de Maratón en C-2 no 2006, 2007 e 2008, e bronce na mesma especialidade no 2004 e no 2005. Este é o encabezamento da carta de presentación de Ramón Ferro Dios. Un palista da Illa que desde os 10 anos profesa a relixión da canoa, deporte que segue a adorar aos seus 30 anos. Preto de 20 horas de adestramento son a súa ofrenda semanal, de luns a sábado, exprimindo un físico machacado polo seu traballo de navalleiro e as interminables xornadas de apnea (buceo a pulmón) que esixe a extracción do preciado marisco. Todo, por amor á arte, porque, como di Ramón, «do piragüismo en España só viven os campións olímpicos». Dous xigantes chegados de Hungría voltaron a deixar o pasado domingo o illense e mais o seu compañeiro de C-2, o pontevedrés Óscar Graña, coas ganas de facerse co título mundial da distancia longa.

-O seleccionador nacional de maratón comentaba o venres, antes do Mundial, que quizais este ano tivese chegado o momento de desbancar os húngaros Csabai e Gyore. Ao final non foi desta...

-Non. Nós estabamos ben. Estabamos fortes. Pero aos húngaros non hai maneira de desbancalos por agora. Estivemos con eles toda a regata ata a penúltima ciaboga, a uns dous quilómetros da meta. Aí cambiaron o ritmo e deixáronos atrás. Ao mellor pagamos o comezo da carreira, que foi moi forte. Nós somos de ir de menos a máis.

-¿Os húngaros son invencibles?

-Penso que non. Levan sete títulos mundiais consecutivos. Pero son humanos, e chegará o día de gañarlles. ¿Cando? Non o sei. Nós agora descansaremos un mes, e logo comezaremos a preparar o vindeiro Mundial, que se fará en Crestuma, Portugal. Case na casa. O Mundial é unha cita que chega moi tarde, en setembro, cando un xa está desexando que remate a tempada, e podes chegar pasado de forma, ou esgotado. A Federación Internacional de Piragüismo debera adiantalo.

-¿Ferro e Graña van seguir dando guerra moito tempo?

-Por agora, o que temos decidido é seguir o ano que vén. Pero coa nosa idade (Graña chegou tamén á trintena) a continuidade hai que ir decidíndoa ano a ano. No 2009 tentaremos gañarlles o título mundial aos húngaros. E antes, a finais de xuño ou mediados de xullo, toca o Europeo, que é cada dous anos, e no que gañamos a prata no 2003 e no 2007. Alí tamén tentaremos superar os húngaros.

-¿Que lle falta ao maratón para entrar no programa dos Xogos Olímpicos?

-Nada. Só que haxa máis presión por parte das federacións nacionais fortes. Neste último Mundial foi no que máis países inscritos houbo, máis de 30. O maratón é máis entretido para o público cás probas de 500 e de 1.000 metros. É como a diferencia entre o ciclismo de pista e o de fondo en estrada. Os porteos son moi vistosos, e este ano véñense de aumentar, ao dividir os 25 quilómetros da proba entre seis voltas, polas catro de antes.

-Vostede é navalleiro, e sabe que vivir do piragüismo en Galicia é imposible. ¿Compensa tanto sacrificio?

-A nivel persoal, si. Porque é un deporte que me gusta. Lévoo no sangue. E teño o apoio da familia, dos amigos e dos meus adestradores. Do Concello da Illa non teño axuda ningunha. Aínda estou agardando sequera unha mensaxe de felicitación. Si teño algunha axuda económica do Padroado Rías Baixas.

-Tres medallas olímpicas fan pensar que o piragüismo galego está no seu mellor momento...

-Si. Alédome moitísimo por Pereucho e por Saúl (Craviotto), que fixeron unha regata boísima. E tamén por David (Cal). Lástima que non dese gañado un ouro. ¡Pero acadou dúas pratas!. Foi o único dos palistas de Pekín que conseguíu subirse aos dous podios en embarcacións individuais, no 500 e no 1.000.

-¿E como está o piragüismo arousán?

-Ben. En Chequia, ademais de Graña e eu, Mascato e Ribadomar remataron co bronce. Os clubs de aquí sempre destacaron moito. E hai rapaces que están a subir con forza desde a canteira.