Clubs e concellos da zona reciben da Xunta 100.000 euros para material e infraestructuras

La Voz

AROUSA

12 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Concellería de Cultura e de Deporte da Xunta de Galicia vén de anunciar a distribución das súas axudas anuais a clubs e concellos para equipamentos e infraestructuras deportivas. Partidas que na provincia de Pontevedra suman case un millón de euros, dos cales 100.000 irán parar a Arousa e o Baixo Ulla.

Por Concellos, o de A Illa de Arousa é o máis beneficiado, cun total de 26.000 euros para a substitución da cuberta do pavillón polideportivo. Dez mil este ano e 16.000 no 2009. O de Vilagarcía recibíu 22.000 euros (10.000+12.000) para o acondicionamento do pavillón de carril. Ao Concello de Catoira concedéronselle 12.500 euros para a adquisición de equipamento deportivo para o club de piragüismo, 10.000 ao do Grove para a compra de canastras de baloncesto e material de ximnasio, e 1.000 á administración local de Vilanova para a adquisición de baboleiros de baloncesto.

Catorce clubs na lista

No capítulo de clubs, son catorce as entidades deportivas da zona beneficiadas, sendo o Club de Remo Mecos o mellor parado cunha axuda de 5.000 euros para o arranxo do foxo de remo das súas instalacións.

O As Torres ingresará 4.000 euros para melloras no seu ximnasio e a renovación de barcos, que unidos á subvención do Concello, elevan a 16.500 os euros destinados polo departamento autonómico de Deportes ao piragüismo catoirense.

A Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa terá 3.500 euros para a adquisición de dúas dornas polbeiras e dúas velas, e cinco clubs recibirán 2.000 euros cada un: a Asociación Deportiva Corón, para a instalación de iluminación no seu campo de fútbol; o Breogán do Grove, para a compra dunha zodiac con motor; o Náutico Pontecesures, para a adquisición de canoas e kaiaks; o C.R. Vilaxoán, que mercará co diñeiro unha traineiriña; e o Piragüismo Illa De Arousa, para a compra dun remolque e estanterías para as piraguas.

A asociación Fasquía da Illa (1.500 euros), o Piragüismo Cambados (1.500), o Cambados Tenis de Mesa (1.000), o Ribadumia Tenis de Mesa (800), o Pérez Sub de Vilagarcía (600) e o Xadrez Fontecarmoa (500) completan a nómina.