O teatro de rúa e a música de Creole Kings, Killer Barbies e Colectivo Orugas chegan á Illa

La Voz

AROUSA

04 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xa chegou o día. Xa só falta que a oscuridade caia sobre a Illa para que arranque nesta localidade o «Vai de Camiño». O espectáculo promovido polo Xacobeo promete encher de luz e música a noite arousá.

Arrancará a festa ás dez. Cando a escuridade xa se faga dona e señora do ambiente, o grupo Os Quinquilláns porán en escena a obra No fondo do mar. As personaxes que habitan no máis profundo do océano sairán á superficie e percorrerán varias rúas da Illa. Peixes de cores e zancudos animarán ese percorrido, que irá conducindo aos espectadores ata alí onde, de seguido, vai ser protagonista a música: a Praza do Regueiro.

Serán os Creole Kings, ataviados ao máis puro estilo Elvis Presley, os encargados dos primeiros acordes da noite. O seu espectáculo, bautizado como Viva las Vegas, pretende rendir un merecido tributo ao rei do rock.

De seguido, sobre o escenario colocarase Sylvia Superstar e o seu grupo, The Killer Barbies. Se non se torcen os plans duns e doutros, ambalas dúas formacións compartirán durante un anaco o escenario para interpretar unha peza ou dúas.

Xa para rematar, o Colectivo Oruga farase co mando da nave musical do Regueiro. Trátase dun grupo de artistas adicados as máis diversas disciplinas que poñen en marcha un novedoso espectáculo.

Deste xeito rematará a noite. Unha velada á que o Concello da Illa convida a todo o mundo.