Christian é unha das 26 persoas que forman parte do operativo de vixilancia e socorrismo das praias do Grove. Con este son catro os veráns que leva facendo este traballo, case sempre na Lanzada.
-Debe ser a praia que da máis traballo ¿non?
-Non sempre, ultimamente está sendo máis conflitiva a de Area da Cruz. Alí tivemos este verán xa un par de rescates: unha moto de auga e unha rapaza que perdeu o flotador e a levou a corrente.
-¿Cal foi o momento de maior apuro que pasou?
-Hai un par de anos, un paro cardíaco en Area da Cruz.
-Teño que facerlle a pregunta ¿ser socorrista na Lanzada parécese algo ao estereotipo que nos chega pola televisión do vixiante da praia?
-Ás veces si e ás veces non, depende.
-¿Abúrrense moito?
-En ocasións, aquí na Lanzada case todo son insolacións, feridas e picaduras de faneca.
-Iso é un bo sinal.
-Si, cando nós nos aburrimos é mellor para a xente que esta na praia. Esperemos que siga así todo o verán.
-O mellor e o peor deste traballo.
-O que máis me gusta é que te relacionas con moita xente e colaboras co público. O peor é o sol.
-Pero estarán á sombra...
-Non sempre. Son oito horas, todos os días, durante tres meses. Saes moi queimado, por dentro e por fóra.