Vilagarcía será sé dos actos de entrega dos premios Frei Martín Sarmiento de literatura infantil e xuvenil

La Voz

AROUSA

09 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O premio Frei Martín Sarmiento sairá por primeira vez de Santiago para achegarse a Vilagarcía, onde se coñecerán os gañadores desta cuarta edición. O acto de entrega desenvolverase no marco dunha festa en Fexdega, á que se lle chamou Festa da Lingua e que terá lugar o día 30 deste mes.

O concelleiro de Cultura de Vilagarcía, Xosé Castro Ratón, e Xoán Guillén pola comisión organizadora presentaron onte esta nova edición do premio, que ten a peculiaridade de que é o único de literatura infantil e xuvenil que outorgan os propios lectores. Castro Ratón explicou que no acto que se organiza para entregar os premios participarán entre 2.000 e 2.500 rapaces de toda Galicia. Serán algúns dos que formaron parte do multitudinario xurado que elixe aos gañadores deste certame.

Tal como indicou Xoán Guillén, o itinerario deste premio comezou a principios do verán pasado, cando as editoriais entregaron as publicacións que optaban ao premio. Durante o verán fíxose unha primeira selección e a principios de curso entregáronse aos máis de 5.000 lectores as obras que deberían ler, tres en cada categoría.

O premio divídese en catro categorías, a primeira para primeiro e segundo de Primaria; a segunda para nenos de segundo a quinto; unha terceira para nenos de sexto de Primaria e para alumnos de primeiro e segundo de ESO; e unha cuarta para nenos de terceiro e cuarto de ESO e primeiro de Bacharelato.

O día 30 coñecerase en Vilagarcía aos gañadores. Os actos comezarán ás once da mañá, cando os rapaces teñan a oportunidade de pasar un bo anaco facéndolle preguntas ou comentarios ao gañador na súa categoría. Ás doce e media terá lugar o acto máis formal de entrega de premios. E despois abrirase a quenda da diversión durante boa parte da tarde, da man de contacontos e xogos.

Ademais de entregar os galardóns nas catro categorías de literatura infantil e xuvenil, tamén se entregará un premio singular a unha curtametraxe feita por alumnos.

O certame Frei Martín Sarmiento é organizado pola comisión de Normalización Lingüística dos centros relixiosos galegos. Participan 32 centros de sete cidades galegas, entre eles os tres centros relixiosos da comarca de Arousa, dous en Vilagarcía -San Francisco e Sagrada Familia- e un en Cambados -Salesianos-.

O premio non ten compensación económica. Unha placa e o recoñecemento son a recompensa para os autores. Pero non é pouco, tendo en conta o prestixio que xa acadou nestes catro anos e, sobre todo, que se trata dun premio que conceden os propios lectores.