Fexdega albergará os Campionatos Galego e Internacional de Dardos Electrónicos

La Voz

AROUSA

03 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O recinto feiral de Fexdega acollerá no mes de xullo os Campionatos Galego e Internacional de Dardos Electrónicos. Dúas citas nas que se agarda a participación de entre 500 e 1.000 competidores por xornada, para un total duns 10.000.

Os torneos desenvolveránse ao longo de todo o mes de xullo, os venres, sábados e domingos, e estarán organizados por Afeccionados Galegos de Dardos e Dardos Electrónicos (Fegade).

O colectivo agarda a presencia de representantes de 20 países, entre eles Italia, Francia, Portugal, Luxemburgo, Serbia, Alemaña e Bélxica, e da práctica totalidade dos concellos galegos.

Os Campionatos Galego e Internacional de Dardos Electrónicos proporcionaránlle a Fexdega a plena ocupación nun mes no que habitualmente non existe actividade no recinto feiral, e a Vilagarcía un notable paquete de turistas.

O presidente de Fegade, Miguel Vila, desvelou que esta será a primeira vez que se celebrará en Galicia un Campionato Internacional de Dardos Electrónicos.

Ademais dos dous grandes torneos, Fexdega será o escenario de dúas probas infantís e xuvenís. As inscripcións estarán abertas ata unha semana antes do comezo do torneo, agás as probas por equipos, que xa están pechadas.

O Concello de Cambados patrocina o Campionato Internacional Individual, que se denominará Trofeo do Albariño.