«O Goberno de Zapatero foi unha bendición para O Salnés»

AROUSA

O deputado socialista asegura que o presidente foi quen de sacar adiante demandas históricas da comarca arousana

07 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Leva catro anos de deputado en Madrid e afronta a nova lexislatura coa mesma ilusión. Domingo Tabuyo é o candidato do PSOE por Pontevedra e considera que foi o Goberno de Zapatero o que atendeu as «demandas históricas» da comarca arousán.

-Foi a súa primeira lexislatura no Congreso ¿como a valora?

-Foi unha lexislatura moi intensa que vivín con moita emoción. Persoalmente tamén foi unha experiencia positiva. Tiven a oportunidade de traballar en numerosos campos, dende seguridade vial ata propoñer medidas para eliminar as barreiras para xente xorda nos museos. Descubrín unha realidade política diferente á que estaba acostumado, a política local. É unha política que chega a todos os cidadáns e a todos os territorios.

-Vamos, que quedou con gañas de repetir.

-Pois si. Con moita ilusión porque démoslle aos cidadáns motivos para creer na política entendida como unha ferramenta que é capaz de transformar a sociedade e de dar solucións a grandes demandas que levaban moito tempo estancadas, como o estatuto do traballador autónomo, que na comarca do Salnés afecta a 20.000 persoas. Estou orgulloso do moito que fixemos, pero tamén queda moito por facer e esta lexislatura é unha oportunidade excepcional para seguir facendo realidade proxectos que melloren a calidade de vida.

-Os dous candidatos de Cambados ¿xera iso tensión?

_Tensión só a nivel político, a nivel persoal non a hai. O feito de que esteamos en organismos diferentes fai diferente a mensaxe. El está nunha cámara de segunda lectura e eu na que fai o traballo político, onde se decide a política que se levará a cabo para os cidadáns. Xa se lle plantexou ao PP facer un pacto para modificar o Senado. Pero o PP está noutras cousas, sementando alarma social e crispación. Por iso o Goberno de Zapatero foi unha bendición para O Salnés, cumprindo as demandas históricas de grandes proxectos e nesta próxima lexislatura faremos máis, con grandes inversións e grandes proxectos.

-¿Quen fai máis en Madrid Tourís ou Tabuyo?

-Foi Tourís o que sacou isto. A min o único que me preocupa do traballo parlamentario é estar á altura do que os cidadáns esperan de min. O único que digo é que se fixo unha comparativa de intervencións e el presentou setenta e eu 500. E nada máis. O importante é que Cambados ten un cuarto xulgado, que a rehabilitación da nave de Peña é unha realidade e que o cuartel da Garda Civil, que durmía nun caixón, xa ten case listo o proxecto. E hai moitas outras inversións coma o vial de conexión ao Porto, que van beneficiar a toda a comarca. Mentres, o PP fai demagoxia. Non foron capaces de retirar a peaxe de Rande e agora anuncian que van retirar outro tramo.

-¿Que se xoga O Salnés nestas eleccións?

-O Salnés xógase moito, sobre todo no modelo de crecemento económico que consiste en medrar máis e mellor repartindo entre os cidadáns a riqueza que se xera e impulsando medidas coma a reforma fiscal dos 400 euros ou o incremento do salario mínimo interprofesional. Os grandes compromisos desta lexislatura, como a protección e recuperación do litoral, van ser un eixo destacable da vindeira lexislatura, xunto con outros elementos fundamentais coma a conexión definitiva mediante AVE coa meseta.

-¿Non me vai dicir que sendo socialista o goberno galego convén que en Madrid estean tamén os socialistas?

-O único que teño que dicir a iso e que tanto a España coma a Galicia viñéronlle moi ben estes catro anos porque foron anos de crecemento económico e de grandes avances sociais e, polo tanto, catro anos máis coa mesma receita que funciona serán moi beneficiosos para a comarca.