Teatro do Noroeste achega o venres a Vilagarcía unha versión moderna de «Romeo e Xulieta»

La Voz

AROUSA

09 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois da programación navideña, Vilagarcía volve recuperar a súa programación cultural este venres. Faino da man do teatro coa recuperación do clásico de William Shakespeare Romeo e Xulieta . Trátase dunha versión plenamente actualizada que Teatro do Noroeste fai da tráxica historia dos dous amantes.

O espectáculo comezará ás nove da noite e o prezo das entradas será de cinco, catro e tres euros. Os billetes pódense comprar de xeito anticipado a través de www.servinova.com ou no número de teléfono 902 504 500, e o mesmo día de actuación no auditorio.

Esta versión de Romeo e Xulieta traslada á época actual as dificultades que se atopan cando se pretende conxuntar o particular e o social. O conflito entre o persoal e o familiar non sempre se resolve. Teatro do Noroeste aborda Romeo e Xulieta como unha mirada curiosa ante ese fenómeno que, inevitablemente, pasa cos anos: a mocidade.

Con esta orixinal versión da historia de amor máis coñecida de Shakespeare e incluso da literatura, Teatro do Noroeste suma ao seu currículo unha nova obra deste autor. Previamente, a compañía xa representara títulos como Noite de Reis , O rei Lear ou Macbeth . Xunto a estes clásicos, a súa traxectoria complétase con obras máis contemporáneas como Os xustos , de Albert Camús, ou de autores galegos, como Historias Peregrinas , de Miguel Anxo Murado ou Unha rosa é unha rosa , de Suso de Toro.