Presidencia concede 36.000 euros para manter os servizos de normalización lingüística

La Voz

AROUSA

08 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Presidencia concedeu onte 36.000 euros a cinco concellos arousáns para que conserven ou creen novos servizos de normalización lingüística. As axudas son para os municipios de Cambados, Catoira, O Grove, Vilagarcía e Vilanova.

A orde de Presidencia destina un total de 799.000 euros a 118 concellos de Galicia para que leven a cabo tarefas relacionadas coa normalización lingüística. As axudas poden destinarse a manter os servizos municipais xa en marcha, a crear outros novos ou a iniciar campañas que fomenten o emprego do galego. Os servizos municipais deberán contar, polo menos, cun especialista titulado en lingua galega e poderán levar a cabo tarefas relacionadas co aspecto lingüístico e sociolingüístico. No primeiro caso referirase a traballos como a tradución de textos, a corrección documental ou o deseño de documentación. No segundo, a facer propostas de dinamización ou regularización dos usos e perfís lingüísticos.

Na concesión das axudas tívose en conta criterios como que estas se destinasen a crear novos servizos ou a manter os que xa estaban funcionando. Así, Cambados, Vilagarcía e O Grove solicitaron as subvencións para manter os seus actuais servizos. O primeiro destes municipios percibirá 9.500 euros, o segundo 8.000 e, o terceiro, 9.000. Pola súa banda, Catoira disporá de 4.500 euros para organizar campañas de promoción e elaborar publicacións e, Vilanova, outros 5.000 para poñer en marcha un servizo de normalización.