Os gaiteiros de Arousa cobrarán alo menos 300 euros por actuar

Bea Costa
B. Costa VILAGARCÍA

AROUSA

O colectivo busca a implicación de músicos doutras zonas Os grupos locais de música tradicional tratan de crear escola no eido laboral

15 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

? batalla pola mellora das condicións laborais dos gaiteiros parece que non fixo máis que empezar. A xuntanza celebrada o mércores á noitiña en Vilagarcía para abordar a cuestión será a primeira de outras que haberá en vindeiras semanas pois está previsto convocar máis encontros co fin de involucrar a músicos doutras partes de Galicia e ampliar o radio xeográfico de acción. Os grupos de Arousa xa decidiron fixar en 300 euros -subiuse a tarifa respecto dos 250 euros que se manexaban inicialmente- o prezo mínimo por actuación, pero aínda hai moitas cuestións por concretar. Non é o mesmo un cuarteto tradicional de dúas gaitas, tambor e bombo que unha banda cunha ducia de músicos, de xeito que os prezos tamén deberán ser distintos. Para analizar estas e outras peculiaridades, acordouse convocar outra reunión na que, como queda dito, tratarase de ampliar a participación, e na que tamén se abranguerán as medidas a adoptar en relación coa seguridade e a fiscalidade dos grupos. Os músicos tradicionais consideran que, en moitas ocasións, as condicións nas que tocan distan moito de ser as adecuadas: enriba dun tractor e ao lado do fogueteiro. Por iso queren esixir ás comisións de festas que contraten seguros de responsabilidade civil para cubrir calquera tipo de incidencia. Máis de un gaiteiro tivo que ir ao hospital como consecuencia do estoupido dun fogo ou de que derrapara a camioneta na que ía mentres interpretaba unha muiñeira. Desde que o martes se dera a coñecer a iniciativa dun grupo de gaiteiros de Arousa neste sentido, moito se leva falado da necesidade de dignificar as condicións laborais deste colectivo. Pero este non só en un obxectivo que dependa das comisións de festas. Os protagonistas tamén deben implicarse de aí que a Asociación de Gaiteiros Galegos invite aos grupos a regularizar a súa situación fiscal, dándose de alta como empresa ou ao amparo dunha asociación cultural. Do que se trata é de acabar cos pagos en diñeiro negro que tanto abondan neste sector e que non axudan en nada a revalorizar a figura do músico tradicional. Tendo en conta que algúns dos que o mércores estiveron na xuntanza forman parte tamén da Asociación de Gaiteiros Galegos, e que a sintonía á hora de marcar obxectivos é total, todo indica que o que foi unha arroutada duns poucos no Salnés converterase nun referente para un sector que agrupa, só no ámbito da asociación, a 551 músicos en Galicia.