«O novo goberno atopará unha herdanza que non é de ouro»

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso VILAGARCÍA

AROUSA

MARTINA MISER

Entrevista | Xosé Ramón Durán Durán opina que os vindeiros cinco anos serán decisivos para unha denominación de orixe que non parou de medrar e que aínda ten que asentarse nos mercados

16 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O albariño é un sector con futuro, pero tamén ten que traballar moito. Esta é a opinión de Xosé Ramón Durán, vocal do consello dende hai catro anos. Considera que o crecemento dos últimos tempos non foi medido e que agora estanse a pagar as consecuencias das malas decisións. A súa proposta de futuro pasa por un meirande diálogo no sector e por avanzar cara a entidades como a interprofesional e o clúster. -Estiveron marcados polo que se fixera anteriormente. A partires da mala colleita do 98 e certo xogo de intereses tomaron decisións sen medir o efecto multiplicador Unha das cousas que foi determinante para Rías Baixas foi a ampliación do territorio da denominación: dende a fronteiera con Portugal ata Touro. E iso ten resposabilidades con nome e apelido. Nos últimos anos houbo concesións de novos dereitos o que, visto ailladamente, é positivo. Reconversións de viñedos e adegas que mercaron fora dereitos de plantación, tamén positivo. Pero xunto a ampliación levounos en pouco tempo a pasar de 1.500 hectáreas a máis de tres mil. Houbo un crecemento moi rápido e un desequilibrio nos mercados. Esta é a nova realidade coa que hai que enfrentarse. Aínda que a Xunta tiña a última palabra, o Consello Regulador tampouco cumpriu a súa función reguladora. As empresas familiares, unidas en Adegas Libres do Salnés, avisamos no seu día, o tempo danos a razón. -¿Pero non é verdade que todo lle vai moi ben a Rías Baixas? -Nin é verdade que todo vaia ben, nin é verdade que todo vaia mal. Pero ¿se lle pode dicir que vai ben a un viticultor ao que non lle recollen a uva? ¿ou a un adegueiro que tendo máis viño que o ano pasado ten os mesmos que hai tres anos? Estamos volvendo a prezos do ano 97. O viticultor cobra menos e o viño sae da adega cun prezo inferior ao de hai anos. -¿Cal é o problema? -Durante os cinco próximos anos ímonos atopar nunha situación na que se van producir colleitas con máis 20 millóns de quilos de uva e imos ter en adega uns 16 millóns de litros. E, aínda que as vendas están medrando, aínda temos que superar os doce millóns litros. Eu creo que neste momento a tendencia é a de producir máis viño, pero tamén están producindo máis en todo o mundo. Ante iso precísase unha campaña que transmita a cultura do viño das Rías Baixas, de que ese consumo forma parte da calidade de vida. Da riqueza vinícola do Salnés, do Rosal, do Condado¿ Debemos transmitir a nosa cultura, para chegar máis á sociedade e para diferenciarnos doutros viños -¿Pasa iso por recuperar o mercado máis próximo? -Pasa por recuperar o ir de copas de albariño. Eu creo que hai que recuperalo porque é un estilo de vida e iso é o que temos que traballar nos vindeiros anos. Porque o albariño ten futuro. Fixemos unha industria e un gran viño, pero agora hai xente á que lle van ben as cousas e outra á que non. O Consello Regulador ten o obxectivo de respetar a orixe e, nalgunas cousas, non o fixo. -¿ Por exemplo? -Se alguén o vai pasar mal é a comarca do Salnés. Aquí hai catromil viticultores e a meirande parte teñen menos de dúas hectáreas. Nos vindeiros anos haberá que botar números para que cultivar albariño, cos prezos que ten agora a uva, sexa rendable. O minifundismo é unha realidade á que hai que adaptarse e non se tivo en conta á comarca que máis viticultores aporta á denominación. Non se tivo en conta os intereses da xente que foi a orixe do sector. Por iso cando se pedía a sede para Cambados era por respeto aos viticultores. -¿Cal será o papel do consello regulador? ­-Creo que o consello debería centrarse no control da calidade, algo que fixo ben. Pero creo tamén que está asumindo funcións que non lle corresponden. Só hai que mirar a Europa. No futuro haberá que evolucionar e ir hacia unha interprofesional e a un clúster, que poderían estar ubicados no pazo Torrado, en Cambados. -Unhas das críticas e que se está tentando acabar coas pequenas empresas... -Creo que aquí collemos todos. Eu represento unha pequena adega con cinco hectáreas. O Salnés está a piques de convertirse nun dos centros do cooperativismo agrario galego, algo importante. Pero non hai que obsesionarse co tamaño. O obxectivo ten que ser a calidade do produto, a rendabilidade e sabernos posicionar no mercado. Cada adega debe buscar o seu tamaño para ser rendable. Creo que somos compatibles. -¿Cómo están os mercados? -O albariño ten un problema de falta de adaptación e iso está xerando un resfriado importante no sector. Estes anos partíase da nada para construir, pero agora hai que reconducir e adaptarse as novas colleitas. O problema é que os mercados non se fan en doce meses. E o novo goberno atopará unha herdanza que non é de ouro. De difícil é delicada xestión. Creo que viticultores e adegueiros temos que dialogar con claridade, para sacar ao sector adiante. Temos que ser capaces de dicirlle á Administración que non é ouro todo o que reluce. Creo nos vindeiros cinco anos imos ter que sufrir para saír adiante e enfrentarnos ao mercado. Sairemos avante. Ese é o reto.