Golf (os)

X. A. OCHOA

AROUSA

VENTO DA TRAVESÍA | O |

23 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTÁ de moda xogar ó golf. É, coma tódalas modas, unha cuestión pasaxeira. Que se saiba, hai, polo Salnés, unha manchea de proxectos. Construídos os de A Toxa e o do Castrove; en marcha, moitos outros: un segundo en O Grove e, a menos de dous quilómetros, outro no Monte Faro. Parece evidente, unha vez máis, que é imprescindible un ordenamento superior, para este tipo de instalacións, ó de cada Concello. Non estou a falar de que nalgúns deles canten os negocios encubertos que, sempre, tiran cara ó mesmo sitio. Hai cousas tan, ou máis, importantes, de interese xeral, que xustifican a necesidade de pór límite ós caprichiños locais porque un campo de golf é, fundamentalmente, un depredador de dous recursos escasos: a terra, o territorio, e a auga. A terra é, obviamente, un ben escasísimo e un campo de golf precisa de grandes extensións acoutadas. A ocupación humana do territorio produce, como se sabe, unha degradación e unha transformación da paraxe natural. Esa aportación, tan grande, de terreos para ocio privado, e a largo prazo, que no fondo sempre é venda encuberta, non pode producir rendemento que compense a destrución das paraxes naturais que son, nin máis nin menos, unha garantía de futuro -incluso turístico-, para os actuais e vindeiros habitantes. Logo está o consumo de auga; fálase da necesidade de quince mil metros cúbicos anuais por hectárea: unha cifra inasumible en lugares de escasísimos recursos hídricos. Non se pode esquecer a continua utilización de produtos químicos fronte ás malas herbas e a súa posterior influencia debido ás pendentes, areeiros e escorrentías. Procede, tamén, lembrar a desaparición da pequena fauna subterránea. Ademais, os promotores destas instalacións empregan, sempre, a mesma táctica de abrandamento das autoridades locais, de falar do interese social, de convencelos e deslumbralos. Outro dano máis.