AREOSO | O |
11 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.A UN ano do atentado de Madrid, o Partido Popular segue na teima de querer saber toda a verdade, porque os feitos, tal e como os entendemos a maioría, non lle convencen. Pero saber toda a verdade, o 100% da verdade, sobre calquera cousa é prácticamente imposible; niguén coñece toda a verdade sobre algo, exceptuando aos fanáticos, que están seguros de todo e ata poden chegar a matar por esa seguridade coa que cren ou senten. O problema do PP ven sendo de adaptabilidade inversa, é dicir, que o PP adáptase perfectamente á realidade; é esta a que non se adapta ben ás súas entelequias, como se fose un traxe que, en vez de disimular o bandullo, o descubre e o deixa á vista de calquera que pase pola porta. Esto, en Madrid, porque en Galicia acontece o contrario. Aquí a realidade non se acaba de amoldar ao que pensamos os que temos unha opinión crítica coa actuación das administracións durante a crise do Prestige. E así di López Veiga que o que se fixo co barco (levalo de paseo para que ninguén quedara sen a súa ración de fuel) foi o que había que facer. Tal é (toda) a verdade oficial. E punto. A conclusión é que a realidade está de capa caída. Alguén debería actualizala, ou, polo menos, levala a un xastre e que lle faga un traxe como Deus manda.