Antón Paz conquista o seu terceiro Campionato de España de Tornado

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA

AROUSA

Superou ó dúo francés Backes-Voiron por un punto logo dunha derradeira regata encarnizada Xunto a Echavarri, o vilagarcián recuperou un título que xa gañaran nos anos 2000 e 2001

09 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

Un punto marcou onte a diferencia entre o vencedor e o segundo clasificado do Campionato de España de Clase Tornado. Un punto que lle deu o triunfo ó vilagarcián Antón Paz, e ó seu compañeiro, Fernando Echavarri, que deste xeito recuperan un título que xa gañaran no 2000 e 2001, e que non puideran defender o ano pasado por mor do seu calendario de preparación do Mundial 2002. A emoción mantívose no Campionato de España ata o último suspiro. Na única manga disputada onte Paz e Echavarri mantiveron un duelo tan pechado coma emocionante co duo francés formado por Olivier Backes e Laurent Voiron. Uns e outros chegaran á derradeira xornada empatados a puntos, polo que o mellor dos dous durante a xornada en xogo levaríase o gato á auga. Os galegos pasaron a primeira boia terceiros, mentres os franceses o facían en cuarto lugar. Ó final do segundo treito, os galos conseguiron superar a Paz e Echavarri, que se mantiñan segundos. Mais, co vento en contra, os futuros campións acertaron a escoller o lado polo que atravesaron a derradeira boia á par de Backes e Voiron. Esta foi a clave que lles deu o primeiro posto da manga, con 23 puntos totais, polos 24 dos franceses e os 36 dos rusos Kirilyuk e Stopforth. Antón Paz amosouse onte, como non podía ser menos, a mar de ledo. No seu balance do torneo, salientou o feito de «haber remontado. Hemos ido poco a poco hacia adelante, con un final de regata muy bueno». Un 4º, 16º, 3º, 2º, 11º, 2º e 1º postos constitúen a súa actuación nas sete mangas da cita, disputada nas augas da bahía de Cádiz. O triunfo supón todo un bálsamo para os dous galegos de cara o Mundial de Clases Olímpicas, no que debutarán o vindeiro día 18, no mesmo escenario, con sete prazas en xogo para as Olimpiadas 2004.