O colexio de Baño inaugura unha exposición de material de refugallo

REDACCIÓN VALGA

AROUSA

05 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A partir de hoxe, nos corredores do colexio de Baño, en Valga, poderáse ver unha exposición de traballos escolares que foron feitos con material de refugallo. As pezas foron rematadas onte coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Entre os materiais empregados atópanse xornais, cartón, porespán para embalaxes, recipientes de iogures, botellas de plástico, e todo tipo de útiles inservibles. A idea desta actividade xurdíu a partir dun curso de Reutilización de materiais de refugallo que realizaron quince profesores do centro durante os pasados meses. Neste ciclo, os mestres recibiron as nocións e técnicas necesarias para empregar e combinar os distintos materiais. Tamén se aprendeu a facer pinturas e tintes naturais. Durante este curso, os profesores elaboraron, como tarea práctica, unha serie de composicións, que tamén se mostran nesta exposición. Tratábase de facer un percorrido polas distintas etapas da historia ata chegar ata hoxe. Unha viaxe que fixeron acompañados por unha mascota que vive nas pedras, chamada Trasniño.com. O camiño comeza nas cavernas, segue co dolmen de Axeitos, represéntase un castro, chégase despois á época romana, ás Torres de Catoira e á época actual. A partir desta técnica foron moitos os alumnos que se interesaron por esta nova alternativa de uso do lixo. Deste xeito, xa no entroido realizaron os seus disfraces a partir destes materiais. O obxectivo último é a concienciación dos alumnos e da sociedade en xeral das posibilidades que ofrecen os materiais que tiran nas súas casas.