Afeccionados á escena

La Voz

AROUSA

A casa de cultura acolle a inauguración do primeiro certame de teatro do Grove A asociación cultural Enxebre vístese hoxe de gala. Ás oito e media da tarde arrancará, na casa de cultura Manuel Lueiro Rey, o primeiro Certame de Teatro do Grove. Durante os vindeiros días, sete compañías de afeccionados acudirán ata a península meca para demostrar o seu arte sobre o escenario. O actor Ernesto Chao participará na inauguración.

21 dic 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

R. E. O GROVE «No Grove hai moitos afeccionados ó teatro, e case todos están xa dentro dalgún grupo», dicían onte os responsables de Enxebre e, polo tanto, da organización do certame de teatro que hoxe comeza no municipio. Botando contas teñen chegado á conclusión de que poden reunir a unhas cen personas en cada unha das sete sesións que se van celebrar os vindeiros días na casa de cultura Manuel Lueiro Rey. Especialmente, tendo en conta as obras de mellora que se teñen realizado no salón de actos do edificio de Monte da Vila para «que non sexa tan frío e incómodo como resulta normalmente». O programa arranca hoxe. Ás oito e media da tarde, subirase o telón para deixar paso ás autoridades municipais -que patrocinan o certame- e ó actor Ernesto Chao, famoso pola súa participación na serie televisiva Pratos Combinados. Eles serán os responsables de inaugurar un certame que nace con vocación de futuro. «De momento aínda o certame é un `bebé'', xa veremos como vai evolucionando», di un dos organizadores. De momento, hai obras para todos os gustos. Pezas de Castelao ou Manolo Rivas adaptadas para a escena, obras como A casa de Bernarada Alba, de Federico García Lorca, ou pezas cómicas como Un domingo de picnic. «O vindeiro ano, o máis probable é que volva a ser un certame moi amplo, con distintos xéneros», din os responsables deste certame. «Có tempo xa se verá se nos especializamos máis nun xénero ou noutro».