«O que chateia -molesta- é a insistencia»

La Voz

AROUSA

TRIBUNA PÚBLICA

04 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Todos os veráns a mesma cantinela. Machaconamente, chega o verán e algunha das empresas que explotan a Toxa fainos saber que precisa, para ampliar a oferta de servicios ós «seus» clientes, un campo de golf de 18 fochos. Até aí todo ben. Esa empresa xa reparou en que precisaba unha piscina e unhas canchas de tenis, porque xa as fixo. Non tivo a coraxe de pedir solo público para tais necesidades. Non sei porqué o campo de golf é distinto. Pódese argumentar que é a única parcela de uso público que lle queda ó Concello. A única masa arborada que queda na illa, e que no século XXI allear un parque público para un negocio privado é un erro histórico, cultural e económico. Non usarei os mesmos argumentos da empresa para xustificar a necesidade histórica, política, social e económica para manter a parcela Z-14 como parque público municipal, porque penso que son obvios. Aínda que non o coñecín personalmente, non quero ser o «secretario» do século XXI, aquel que según «vox populi» vendeu as instalacións do antigo campo de fútbol onde hoxe se erguen urbanizacións que empobrecen a Illa. É evidente que non foi só o que él fixo o que se fixo e cando se fixo. Foron precisas connivencias sociais e políticas, e o que suscribe non está pola labor de axudar a repetir o mesmo erro. Parque público mal sinalizado Que o parque público municipal da Toxa estea mal sinalizado, non se lle saque o lucro social e económico que se podería, é responsabilidade dos diferentes alcaldes que houbo e hai. O actual alcalde leva xa case tres anos. Tivo tempo; facer, neste caso, fixo pouco ou nada. Dirá que outros teñen máis responsabilidades, que é unha herdanza do pasado, non se lembrará de que tamén herdou inaguracións, nas que luciu traxe de domingo e pelexou por saír na foto. Tapan a mala conciencia mais non resolven o problema de falta de sinalización, de limpeza, de acceso, facilidades e melloras de uso, etc., do parque. É claro que o que suscribe é parcial e interesado. Quere mellor un parque público, coas dimensións que ten -habería que comprobar os 200.000 metros-, sinalizado, usado polos cidadáns, e estabilizando a desfeita urbanística que globalmente está acontecendo na Toxa. Deberían saber algúns que nunha das illas Baleares hai unha moratoria para a construcción por saturación urbanística -xa hai urbanizacións, casas e hotel de máis-, e como di o refrán, cando vexas as barbas do teu veciño... Ese si que é un problema na Toxa, que conviría ir encarando con seriedade e rigor. Para rematar, apetece dicir o que dixo o derradeiro Rei de Portugal, Don Manuel II, cando lle foi presentado o embaixador español: «O que chateia -molesta- é a insistencia». O nome do tal embaixador era o de Juan Porras y Porras, sendo o significado en portugués de «porras» io que o atento lector supón... En linguaxe coloquial, unha grande molestia, un aborrecemento. Pois por iso, para esta Porra, a resposta é a de El Rei: «o que chateia é a insistencia». Juan Ramón Meis Fernández