«Para participar nun concurso fai falta curiosidade e tranquilidade»

La Voz

AROUSA

MARTINA MISER

MARUXA ALFONSO LA ENTREVISTA Jaime Mariño, gañador de seis millóns de pesetas en «¿Quiere ser millonario?» Foi o último concursante que participou onte no concurso «¿Quiere ser millonario?» que emite Telecinco. Era a segunda vez que estaba no plató do programa, «aínda que a primeira non conseguín sair a concursar», sinala. Este cambadés de adopción foi quen de se levar seis millóns de pesetas, maila dificultade das preguntas que lle fixeron. Despois desta experiencia afirma que «para participar nun concurso fai falta moita curiosidade e tranquilidade».

06 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A primeira vez que participou no concurso non pudo saír ó estrado, «así que esta vez, cando fixeron a última pregunta, dixen `agora ou nunca''», asegura. -¿Como se decidiu por participar neste programa? -Eu son un asiduo do programa e sempre acertaba algunhas preguntas. Un día chamei para ir participar e meses despois, cando xa me esquecera, chamáronme eles para que fora concursar. -¿E como foi esa experiencia? -Eu estaba moi tranquilo porque xa fora antes. Cando fixeron a última pregunta para seleccionar ó derradeiro concursante pensei «ten que ser agora». Sabía que non ía voltar, así que dinme toda a présa que pude nas respostas. E seleccionáronme. Nese momento xa non tiña nervos. Pero cando me sentei fronte a Carlos Sobera fíxoseme estrano estar alí. Como é algo que tes tan mitificado parecíame raro que me tocara a min. -¿Como foron as preguntas que lle tocaron? -Coma sempre. A partir das 600.000 pesetas foron complicándose pero fun descartando as que me parecían menos lóxicas. Eso si, eran difíciles. Sobera dicíame que empregara o sentido da aventura, e foi o que fixen a partir do millón e medio. Pero cando xa tiña seis millóns de pesetas e non estaba seguro das respostas empreguei o sentido común e pranteime. -¿Que aptitudes fan falta para participar nun concurso? -Para ir a un concurso hai que ter unha formación ó menos especializada posible. A min preguntáronme sobre todo tipo de temas, e un pode ser un licenciado en Literatura que non teña idea de Física, pero iso non serve para un concurso. Por iso hai que saber un pouco de todo, e hai que ter moita curiosidade e acudir con tranquilidade.