Mans á Obra

Fran Varela

ANDAR MIUDIÑO

SANDRA ALONSO

15 sep 2024 . Actualizado a las 19:19 h.

Para levar a cabo a execución dunha «Obra» fai falta moita xente que traballe por un obxectivo común e que a engrenaxe de todos encaixe á perfección.

Nesta nova etapa do CAB, o xefe de Obra, representante da construtora, púxose a traballar para confeccionar un cadro de persoal o máis competitivo posible. Para decidir o deseño da edificación escolleuse coma arquitecto a alguén da casa sobradamente preparado.

Logo chegou a quenda da elección dos traballadores, onde as funcións de cadaquén dependen da súa capacidade, experiencia e habilidades. Como operadores, para manexar a maquinaria, elixíronse xogadores moi versátiles, con moita capacidade para anotar. Para o traballo de albanelaría temos tanto alicatadores cun gran nivel de precisión coma Davison, coma fontaneiros ou carpinteiros.

Para o xogo interior non podían faltar os imprescindibles peóns de obra coma Galán ou Stevic, capaces de prestar a asistencia necesaria nos dous lados do campo. O telleiro Stephens, encargado de ser o teito do equipo e manter a zona seca e segura, é o que máis dúbidas ate o momento xera, pero con tempo e traballo seguro que deixa ao equipo ben impermeabilizado.

Agardemos que no albaroque celebremos o ascenso á ACB e, senón, chamaremos aos de Galicia Bonita para a rehabilitación da Obra.