Ailara-lalá... Necesitamos máis Scrubbs

Fran Varela

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

01 feb 2022 . Actualizado a las 20:21 h.

Valorar esta primeira volta do Monbus Obradoiro preséntase complicado. Ao revés do que pasou no Benidorm Fest a opinión «profesional» indícanos que no cómputo global as seis vitorias pódense dar por boas. Xa temos percorrido medio camiño cara o título da permanencia. Se nos guiamos pola opinión «popular» as sensacións non son tan boas. O equipo non consegue ter regularidade, malia que nunha Liga Endesa, cada vez máis impredicible polo casos covid, é tarefa sumamente complexa. Tamén é certo que, dun xeito ou doutro, está afectando a todos os equipos por igual. Houbo momentos de baixón total nos partidos contra Murcia e Manresa, como cando o xurado puntuou ás Tanxugueiras, e momentos de máximo subidón contra o Betis e sobre todo contra Breogán, como cando as presentadoras da gala anunciaban os resultados do panel demoscópico e o televoto. Esta primeira parte da fase regular foi unha montaña rusa de xogo e emocións. A afección obradoirista esta acostumada a estes sobresaltos, mais necesitamos, polo ben dos nosos corazóns, un equipo máis regular: equilibrio defensivo e ofensivo, que se loite cada partido ate o final, que cada xogador asuma a súa responsabilidade e dea a súa mellor versión... Porque para gañar partidos precisamos a suma de todos. Aínda non podemos sacar peito (Ay mamá) e malia que aquí somos máis de mandar a chorar a Cangas que á Calle de la Llorería, temos plena confianza no traballo do equipo para conseguir a permanencia.