«Alfaiate sen dedal, cose pouco e cose mal»

Fran Varela

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

07 dic 2021 . Actualizado a las 20:19 h.

Na Idade Media en Compostela existían os obradoiros, lugares onde traballaban, entre outros, os canteiros, os ferreiros, os picheleiros, ourives e os alfaiates ou xastres. Na actualidade, temos o noso CAB Obradoiro traballando cada tempada en confeccionar un equipo competitivo e o seu corpo técnico, uns alfaiates facendo traxes a medida para cada xogador e ao mesmo tempo tecendo os vimbios para que funcionen coma equipo.

Esta tempada as seis caras novas, por distintas razóns, non se están atopando a gusto co seu traxe e o equipo estase resentindo. As razóns poden ser físicas, mentais, de lectura de xogo ou incluso, non crer ou non atoparse aínda cómodo na estrutura de xogo. Nun equipo como o noso, sabemos que para gañar partidos necesitamos que a meirande parte dos xogadores sumen. Nas últimas xornadas e con tantas lesións, Birutis e Robertson, estanse a atopar moi sós, polo que precisamos que o fondo de armario dea un ou dous pasos adiante. Asumamos o significado do dito do titular «persoa que, querendo apurar, non consegue facer as cousas ben» e sigamos, sen présa pero sen máis pausas, confiando nos nosos alfaiates que atoparán o xeito para que todos se sintan cómodos co seu traxe.