Antonio López: «O Obradoiro é a milagre de cada ano»

Manuel García Reigosa
M. G. REIGOSA SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. SOLER

Son do Obra O reitor, asiduo en Sar, louva a capacidade de reconstrución do equipo

08 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonio López, o novo reitor da Universidade de Santiago, é tamén un afeccionado do Obradoiro asiduo aos partidos en Sar. Xa lembra, de rapaz, ter visto encontros no vello pavillón, «dun xeito máis esporádico». O que lle quedou máis marcado na memoria foi un diante «do Madrid de Delibasic». E cando bota a vista cara atrás rescata, noutro senso e sen o Obra de por medio, un día que se cruzou no Preguntoiro «con Belosteny», sendo un mozo.

Sempre lle gustou o baloncesto. Co tempo, as súas fillas practicárono no Pío XII e no Rosalía, e cando o Obradoiro desembarcou na ACB apuntáronse en familia. Aí seguen.

Antonio López, catedrático de Dereito e outrora presidente do Consello de Contas, fala da súa paixón polo equipo coa pedagoxía de quen está afeito a facerse entender, de quen sabe escoller a mensaxe. Por iso, cando se lle pide un esforzo de síntese para definir o que é para el o Obra, tómase tempo, empeza por algunha reflexión e finalmente resume nunha frase: «Quedaríame coa conexión coa afección, con esa atmosfera que se crea co Miudiño, que é un aceno de identidade... Pero o máis incrible é ver como renace cada ano, esa capacidade que ten para reconstruírse. É a milagre de cada ano».

De xeito natural, case sen pretendelo, vai tirando do fío e acaba facendo un pequeno tratado: «Hai máis cousas que chaman a atención, como ver que se está convertendo en porta de entrada ao baloncesto europeo para moitos xogadores. Outra milagre é sosterse sen apenas axudas públicas. Non hai máis que ver onde foron parar outros clubs cando quedaron sen ese financiamento. Ten moito mérito, porque o deporte profesional é moi caro e custa moito atopar recursos».

Antonio López recoñece que «as vitorias diante dos grandes deixan un sabor distinto», aínda que goza de cada partido. E reclama a atención sobre un punto da afección que lle chama especialmente: «A xente é moi respectuosa co rival. Esas ovacións para xogadores que se fixeron aquí e volven a Sar con outra camiseta son impensables noutros deportes. Todos queremos que gañe o noso equipo. E iso é compatible cunha forma de ver o deporte moi agradecida».

«Unha señora achegouse e díxome que a ver como facía agora para suspendelos»

Máis aló das reflexións xerais, o novo reitor tamén ve no Obra un compoñente de proximidade que o fai distinto e que lle permitiu gozar dunha vivencia que nunca esquecerá e que tamén lembrarán quen a pasada tempada acudisen ao partido en Sar diante do Joventut. No descanso, un grupo de estudantes de Dereito sorprenderon ao profesor, en metade da cancha, para que fose o seu padriño de promoción.

Antonio López rememora como se foron dando tódolos pasos: «Sempre que podo vou aos partidos do Obra. E aquela semana, non sabía por que, varios alumnos preguntábanme se ía ir ao do Joventut, e cando lles dicía que si máis dun comentaba que nos veriamos alí. O día do encontro atopei a varios na porta. Non sospeitaba nada, aínda que me soaba algo raro. No descanso, o speaker empezou a falar dun xogo novo, íase achegando á zona onde estou eu... E cando me estaba mirando, empecei a pensar que me argallaran algo para que tirara a canastra dende o medio do campo, ou algo así. E cando din media volta e os vin a todos alí, detrás dunha pancarta...».

No deixa pasar dous detalles a carón daquela anécdota. Un remite ao día do partido, ao rematar: «Unha señora achegouse a min e díxome que a ver agora como facía para suspendelos. Afortunadamente, puxéronmo sinxelo». A outra apunta as xornadas posteriores: «Déronme máis popularidade aqueles dez minutos en Sar que todo o tempo que pasei no Consello de Contas».

Na grada mellor que no palco

Xa pensa no que está por vir, na nova tempada, que arrancará coa Supercopa, e en gozar dende a súa bancada: «Algunha vez téñenme invitado ao palco. Non é o mesmo. Prefiro o meu sitio. Eses saltos cunha canastra, esa liberación, é algo fenomenal».