Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove: «Quixen pedir apoio aos nosos maiores ás mobilizacións polo futuro de Alcoa»

y. garcía XOVE / LA VOZ

XOVE

PEPA LOSADA

Destaca que a Festa da Terceira Idade que se celebrou o venres é toda unha tradición

26 oct 2019 . Actualizado a las 21:22 h.

Demetrio Salgueiro disfrutaba o pasado venres da XXVII Festa da Terceira Idade cos seus protagonistas, os maiores, como alcalde. O Concello de Xove costeou esta cita, cun presuposto, indicou o rexedor local, que ronda os 13.000 euros e que foi totalmente gratuíta para os asistentes.

-En varios municipios da Mariña mantense a celebración deste tipo de festas de xubilados. Parece que son todo un clásico.

-Si que se fan en moitos concellos. En Xove é unha tradición. É un clásico na programación de Servizos Sociais e mantense pola gran aceptación que ten entre os maiores. A poboación maior de 60 anos no municipio de Xove é importante. Cremos que acude a esta cita moito máis do 50%. Hai quen por motivos de saúde ou persoais ou familiares non pode asistir, pasa todos os anos. Para nós é un éxito, incluso porque vén xente maior de 90 anos e con toda a ilusión.

-Que comentou no seu discurso?

-Que é un orgullo manter esta actividade de Servizos Sociais, pero tamén lles falei da situación que estamos a vivir porque o Concello de Xove sería dos máis afectados por un posible peche de Alcoa, a nivel de ingresos. Afectaría a nivel xeneral en todo e a esta Festa da Terceira Idade tamén, porque afectaría moito ás arcas municipais e habería que facer moitos axustes. Quixen pedirlles a todos o apoio para as distintas mobilizacións que hai na Mariña e na provincia para solucionar o problema de Alcoa, polo futuro de Alcoa, como a que vai haber en Viveiro o día 3, e que asistiran. Vainos moito a todos. Estes veciños teñen familiares, fillos e netos traballando na fábrica. Creo que a xente está concienciada do problema e agardamos que se solucione.

-Esa incertidume é unha lousa que xa está pesando na Mariña. Como alcalde, como vive isto?

-A miña visión persoal é a seguinte. Véxoo con moitísima preocupación e vexo unha irresponsabilidade por parte do goberno do Estado neste momento que non anuncie nada. Se ten algo e non o anuncia en período electoral fainos sospeitar que non ten absolutamente nada, porque eles serían os primeiros interesados en anunciar algo positivo. Se non anuncian nada, non se resolven as expectativas que ten a fábrica e os traballadores. Entón temos que mobilizarnos para presionar ao Goberno e que diga algo. Non podemos estar vivindo cunha pica encima da cabeza. A Xunta de Galicia tomou a iniciativa de propoñer un estatuto e un borrador pois se o Goberno non o fai, alguén o ten que facer. Esperemos que teña o visto bo do Estado. Agora mesmo hai que buscar unha solución para este problema, pero véxoo con moita preocupación como o ve todo o mundo. Xa digo, o Concello de Xove sería o que levaría o primeiro embiste porque nos baixarían os ingresos un 70%. O que quedaría se hai un problema con Alcoa logo non chegaría para pagar os gastos de persoal.

-Realmente a posta en marcha da fábrica alumineira supuxo unha gran evolución para Xove.

-Alcoa leva uns 40 anos. Moita xente da que estaba na Festa da Terceira Idade comezou traballando en Alcoa e xubilouse en Alcoa. En torno a eses ingresos estables creáronse aquí uns servizos e unhas comodidades que ten Xove e o diferencian doutros concellos, unha capacidade económica importante. Agora todo iso está ameazado por esa situación. Temos unha situación que podo calificar entre moita preocupación e un enfado moi grande porque o goberno do Estado non está tomando unha decisión cando hai tantas familias en vilo. E, ademais, estámolo notando no consumo pois a xente non está gastando tanto porque efectivamente non sabe o que vai pasar. Paréceme unha irresponsabilidade por parte do Goberno non dar alomenos unha luz de esperanza nunha situación de emerxencia. Xa é dubidoso que non o poda facer un Goberno en funcións. Cremos que si pode actuar.

«Esperamos que o porto deportivo de Morás siga adiante xa dunha vez»

-Dentro dos proxectos destacados actualmente no municipio de Xove, por cal empezaría?

-Un deles é o do porto deportivo de Morás. Falamos moitas veces del pero por fin este ano hai unha partida xa da Xunta de Galicia para a redacción do proxecto. É algo moi importante. Levamos anos loitando porque ese proxecto vexa a luz e esperamos que ao longo do ano que vén poda seguir adiante xa dunha vez. Tamén temos outro proxecto que é a reparación da rede viaria. Dentro deste, temos un convenio asinado coa Deputación Provincial de Lugo e estou pendente de que o novo presidente me reciba para clarificar a forma de levar adiante ese convenio, no cal o Concello de Xove tamén fai unha aportación económica importante, en torno ao 50% do que custa a reparación das carreteiras, que son as arterias de comunicación de todos os núcleos de Xove.

-Cantos quilómetros teñen?

-Moitos! Da Deputación Provincial de Lugo son 47 quilómetros, carreteiras provinciais que temos en convenio para reparar porque están nun estado de abandono importante. Aínda que noutros concellos a Deputación o fixo integramente cos seus fondos, a única maneira de desbloquear o tema en Xove foi aportando fondos municipais. Interésanos porque é unha das demandas principais dos veciños, por iso nos ofrecimos a colaborar coa Deputación aportando unha parte importante dos fondos para a reparación. Estaba acordado co anterior goberno da Deputación. Da rede viaria municipal, entre carreteiras asfaltadas e pistas temos uns 800 quilómetros de viais. Xove é grande e ten as parroquias diseminadas e os núcleos separados e a rede de camiños e pistas forestais é grandísima. O seu mantemento é importante.

«Xove é un concello en contacto con plena natureza e que non sufriu o bum urbanístico doutras zonas»

-Volvendo á Festa da Terceira Idade, xa destacou que é das actividades estrela da delegación municipal de Servizos Sociais.

-Dende esa delegación faise todo un abanico de actividades que manteñen aos nosos maiores activos, algo que tamén é moi importante para nós.

-A nivel turístico, que últimas actuacións se levaron a cabo?

-Estamos traballando a ese nivel. De feito, tivemos un punto de información turística na praia de Esteiro que foi un éxito de asistencia e de petición de información. A praia é a máis visitada do concello, a única con bandeira azul. Traballamos no turismo en Xove porque cremos que ten potencial pese a non ter moitos establecementos hostaleiros nin moitas prazas hoteleiras. Si vemos que pouco a pouco hai moitas casas rurais que se van arranxando cada ano para vivendas turísticas. Xa hai varias no concello. É un nicho de mercado que pouco a pouco vai ir atraendo xente a Xove pois as que hai teñen xa un nivel de ocupación importante e é unha forma de facer turismo. Xove é un concello en contacto con plena natureza porque non sufriu o bum urbanístico doutras zonas e as zonas rurais están perfectamente conservadas. Algo importante tamén a nivel de turismo foi a recuperación que se fixo tamén na zona de Morás, na antiga baleeira e o paseo. Tamén recibe moitos visitantes e logramos recuperar un lugar que estaba bastante degradado. Foi unha obra importante e quedou unha zona xa dunha beleza espectacular de por si, totalmente recuperada.