O Honor naufragou en Xove

Lucía Sánchez Meitín OPINIÓN

XOVE

21 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Non, non se trata dunha metáfora; non é que a xente deste fermoso municipio padeza dalgún tipo de ruindade específica, estraña ao resto da humanidade, porque en realidade son un pobo hospitalario e amable. A idea do título é literal, e refírese ao barco que se foi a pique na costa de Xove no ano 1544.

Era domingo, 24 de setembro, e como primeiro de outono na costa de Lugo debeu amencer un día claro, vestixio do verán que marchaba, aínda que con algunha nube senlleira no horizonte, nada que preocupase ao capitán da nao que navegaba co velame despregado nos tres paus. Facía varias singraduras que partiran da ruidosa Amberes, cargados de valiosas mercancías: sedas, panos, tapices, lenzos, holandas, e pezas de estaño, que desembarcarían nalgún porto da Península Ibérica ou do Mediterráneo. O capitán coñecía o seu destino e pensaba nel, e nas xornadas de caza das que desfrutaría ao chegar, onde probaría a xoia que traía consigo de Flandes: unha preciosa bésta decorada con flores de lis, cruces treboladas e unha cruz de Lorena. Mentres planeaba o pouco tempo en terra, continuaba albiscando o horizonte, máis preocupado polo ceo.

A violenta tempestade debeu levantarse tan axiña que apenas lograron recoller o pano. A choiva e o forte vento, empapado de salitre, enxordecían as ordes que o capitán berraba na cuberta. Coa tripulación encomendada a Deus e o furacán empurrando a súa nave contra os altos cantís do Cabo Morás, ao capitán pareceulle divisar un amplo areal entre a espesura do trebón. Deu orde de virar a babor coa esperanza de gañar a praia de Lago para salvar a nave, os homes e a carga.

Grazas aos labores de dragado da piscifactoría de rodaballo de Xove no ano 2007, sabemos que aquel plan fracasou. A draga rescatou da cápsula do tempo os restos do casco e parte da carga. Grazas á arqueoloxía sabemos que só se salvaron catro homes da tripulación, e que Honor era o digno nome que bautizaba aquel barco.

O Concello de Xove organizou unha xornada na que se descubrirá a historia desta nave, e a importancia do seu achado para o patrimonio cultural galego. Mais como deixa ler este artigo, a arqueoloxía atopa as claves do pasado coa investigación, e a imaxinación humana fai o resto.