O conxunto etnográfico da baleeira de Morás


É xusto recoñecer o esforzo dos demais, pero no noso país hai representantes públicos que se negan a isto por sistema. Uns por simple ignorancia (o Partido Socialista non ten actualmente representación en Xove e, cando a tiña, era como se non a tivera) e outros por verdadeira malicia (o Partido Popular, en todos os eidos, é a formación política máis corrupta de Europa).

Para unha mellor ilustración do que estou a falar, direilles que na páxina 58 da acta plenaria do día 18/08/2014 quedou recollida a solicitude formal do grupo municipal nacionalista para que o Goberno municipal de Xove xestionara a creación do Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás. Nesta iniciativa propuxemos conservar a rampla de remonte, a plataforma de despece e as instalacións de procesamento do aceite (deixando estes dous últimos emprazamentos ao aire tras proceder á derruba da factoría). O noso traballo como oposición consistiu nunha valoración rigorosa deste tema, onde incluso nos estrevistamos con algunhas antigas traballadoras da Baleeira de Morás. O resultado foi que, dende o BNG de Xove, instamos a que se promovera unha área etnográfica en Morás na que figuraran paneis informativos. De feito, o equipo de goberno local fíxonos preguntas no Pleno coa finalidade de ilustrarse sobre esta proposta. Tamén puidemos constatar con tristura que a única suxestión do PP de Xove era a de botar abaixo as instalacións da baleeira e facer unha “zona verde e un parque”. A nosoutros a simpleza desa actuación pareceunos un auténtico crime patrimonial.

 Quixera facer fincapé en que fomos nós os que promovimos o Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás. Que tamén fomos nós os que propuxemos os paneis informativos. Que mesmo lles advertimos que deberían conter información sobre o xeito no que as baleas eran remontadas cuns ganchos espetados no lombo do cetáceo. Así como sobre a maneira de realizar o esfolado e despece do animal polos homes, calzados cuns zocos especiais con cravos. Que despois se procedía a separar o magro da graxa, recortando grandes anacos para levalos a fundir. E que, para rematar, pasaban a carne destes mamíferos mariños a unas mesas altas onde as mulleres a triscaban e a envolvían cunha rede. Por último, os do PP tampouco sabían que na baleeira de Moras se conxelaba a carne mentres agardaban a chegada dos camións para transportala ata Vigo, dende onde se procedía á súa posterior distribución internacional.

 Foi moita a xente de toda a Mariña que traballou na Baleeira, por iso nos escornamos para que se promovera a colaboración coa veciñanza que traballou na fábrica co obxectivo de facela partícipe da creación do Conxunto Etnográfico da Baleeira de Morás, incluso sendo conscientes de que o noso esforzo sería rendibilizado unha vez máis por quen non o merece. Así a todo, diante desta nova ausencia de ideas do Goberno local, centrámonos en evitar que este destacado ben de interese social e industrial ficara no esquecemento tras a recuperación da súa titularidade pública.

 Xa sei que en Xove temos o que nos merecemos. Seino. Pero tamén sei que é de xustiza darlle a César o que é de César e a Deus o que é de Deus. Queiran ou non.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O conxunto etnográfico da baleeira de Morás