O premio de novela Vilar Ponte recae en «Mario non existe», de Francisco Fernández Dávila
VIVEIRO
O xurado distinguiu «O diario do sangue», de Óscar Martínez Rey como finalista do premio que convoca o Concello de Viveiro
03 nov 2026 . Actualizado a las 10:22 h.O oitavo premio de novela Vilar Ponte recaeu na obra «Mario non existe», de Francisco Fernández Dávila. Asi o deron a coñecer este luns desde o Concello de Viveiro, indicando que o xurado do premio acordou por unanimidade conceder o galardón á obra de Fernández Dávila e nomear como finalista a novela «O diario do sangue», de Óscar Martínez Rey.
O xurado destacou da obra gañadora «a súa capacidade para transportarnos a mundos lonxincuos, tanto no espacial como no cultural, levando a personaxe protagonista dende as terras de Galicia ata as do Nepal nunha viaxe que é, sobre todo, espiritual, e que acabará por transformar radicalmente a súa cosmovisión e identidade».
En canto á obra finalista, destacou «a capacidade para introducirnos nunha historia de cubertas, chea de intrigas que deben resolverse policialmente e que tecen un relato da sociedade actual, chea de claroscuros e móbiles sórdidos que, por veces, nos abisman na violencia estrutural e na marxinación e condenan do que non se somete ás convencións sociais».
O xurado estivo composto por Carlos Nuevo, cronista oficial de Viveiro, profesor e historiador; Rosalía Morlán, escritora e enfermeira e Armando Requeixo, investigador, profesor e crítico literario. Como secretaria actuou, con voz e sin voto, Rosario San Isidro, traballadora municipal. A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, felicitou aos premiados: «Este recoñecemento supón un compromiso coa cultura e a lingua galega ao tempo que converte a Viveiro nun referente literario, destacando a importancia de converter o noso Concello no epicentro da literatura galega contemporánea e atraer talento de autores de todo o país».