Marmeladas de Sargadelos na praza de abastos de Viveiro: «É unha volta ó sabor»
VIVEIRO
Cristina Rodríguez inaugurará este xoves a tenda A Mini Morena, onde terá á venda marmeladas, conservas vexetais e encurtidos de elaboración artesá
25 jun 2026 . Actualizado a las 11:58 h.A praza de abastos de Viveiro contará desde este xoves cunha nova tenda: A Mini Morena. Cristina Rodríguez Eijo atenderá de martes a sábado, de 9.00 a 14.00 horas, o negocio no que venderá artigos elaborados no obrador que ten en Sargadelos (Cervo), donde tamén conta cunha tenda que abrirá en horario de tarde. A Mini Morena ocupará o posto número 1 da praza, que é un espazo de actividade económica, comercial e social no que está prevista unha rehabilitación integral e que o Concello considera un proxecto estratéxico.
Cristina Rodríguez confesa o seu gusto por estes centros neurálxicos do comercio de proximidade e asegura que se decantou por ampliar campo e abrir en Viveiro porque para ela, xa dende nena, «Viveiro destacou polo seu casco histórico e sempre foi unha referencia de comercio». Cre que con este novo paso tamén gañará en proxección para a marca e os produtos.
Segundo explica, o nome de A Mini Morena revela que esta tenda forma parte dun proxecto máis amplo. Todo naceu coa elaboración artesá de marmeladas e logo deu paso á de conservas vexetais. A última actividade que sumou foi a dos encurtidos. Ademais dos artigos de elaboración propia, no posto da praza viveirense Cristina Rodríguez terá á venda outros alimentos a granel, salsas, bebidas vexetais, queixos...
O obrador seguirá en Sargadelos
Seguirá coas súas elaboracións no obrador de Sargadelos, xunto ao Paseo dos Namorados. Conta con selo de Artesanía Alimentaria e nese espazo elabora de forma artesanal unha ampla variedade de marmeladas, desde as combinadas, como a de amorodo e menta ou pera con améndoas, a outras como a de mandarina, entre unha ampla oferta. «É unha volta ó sabor. A idea é que volvamos a recoñecer todos os sabores e que as marmeladas non saiban a azucre», explica a dona de A Mini Morena, que también elabora conservas vexetais. Confesa que a estrela é a de cherries asados conservados en aceite, e tamén ten tirón a de allos confitados. E están empezando cos encurtidos, de cogombro e cabaciño conservados en aceite.
Os seus artigos comercialízaos baixo a marca A Morena, creada no 2019, e a materia prima que emprega é de produtores locais ou de cooperativas galegas.