A parroquia de Covas, en Viveiro, iniciará o martes 23 catro días de festa en honor a San Xoán
VIVEIRO
A sardiñada popular terá lugar o xoves 25 no Campo da Pascua a partir das 20.00 horas
22 jun 2026 . Actualizado a las 22:31 h.Entre o 23 e o 26 de xuño, a parroquia de Covas, en Viveiro, celebrará as súas festas patronais en honor a San Xoán Bautista. Os festexos arrincarán o martes coa gran lumeirada que, de novo, se prenderá na praia, no entorno do monumento natural dos Castelos, e en torno á que se xuntarán milleiros de veciños e visitantes desexosos de ver arder o tamén coñecido como «lume novo». Nunha tradición centenaria que cadra co solsticio de verán e que simboliza a vitoria da luz sobre a noite, ademais do inicio do verán. Ese día tocarán a verbena as orquestras Acordes e Nueva York. Ó día seguinte, mércores 24, a actividade comezará ás once da mañá co pasarrúas que ofrecerá a Escola de Gaitas Cacharela de Covas. A igrexa parroquial acollerá a misa do patrón ás 13.00 horas, e a continuación haberá procesión, que será acompañada pola Banda da Misericordia a través do programa Tradigalu da Deputación de Lugo. A orquestra mindoniense Salsarena, que dirixe Enrique Veiga Bermúdez, ofrecerá a primeira sesión vermú do ano, e pola noite actuará coa orquestra Capitol. O xoves 25, Non cho digo tocará o pasarrúas canda a Escola de Gaitas Cacharela, e na sesión vermú estará a orquestra Trébol, que tamén actuará na verbena. A gran sardiñada popular dará comezo no Campo da Pascua a partir das oito da tarde. Haberá sardiñas, cachelos e música de gaita. O San Xoán de Covas rematará o venres 26 coa celebración do Día do Neno, no que as atraccións do campo da festa funcionarán a prezos populares. Colaboran o Concello, a Xunta e a área de Cultura da Deputación, e Seiramar Espectáculos.