Pensamento e Sementeira homenaxeará este venres 15 de maio a Hernán Naval en Viveiro

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >O músico e activista Hernán Naval, que faleceu hai 25 anos, deixou unha fonda pegada en Viveiro e Ribadeo</span>
O músico e activista Hernán Naval, que faleceu hai 25 anos, deixou unha fonda pegada en Viveiro e Ribadeo CHENCHU LÓPEZ

O Teatro Pastor Díaz acollerá un acto a partir das 20.00 horas no que intervirán Francisco Luis R. Guerreiro ou Carlos Nuevo Cal; o sábado haberá outra homenaxe en Ribadeo

12 may 2026 . Actualizado a las 18:31 h.

O colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro organizará o vindeiro venres 15 de maio, ás 20.00 horas, un acto de homenaxe a Hernán Naval, unha figura que cualifican como «fundamental para a vida cultural da vila». Coñecido pola súa faceta como músico e compositor, Naval destacou tamén polo seu compromiso coa cultura galega e polo seu intenso labor dentro do movemento asociativo e cultural de Viveiro. Foi presidente da Asociación Cultural Sementeira e participou activamente na dinamización de numerosos proxectos culturais, ademais de contribuír á posta en valor do Teatro Pastor Díaz como espazo de referencia cultural. O acto contará coas intervencións de Francisco Luis R. Guerreiro e Carlos Nuevo Cal, que afondarán na figura humana e cultural de Hernán Naval. A homenaxe incluirá tamén varias actuacións musicais a cargo de David Bellas, o sexteto vocal SondeNós e o Grupo de Cámara do Conservatorio de Viveiro, nunha celebración arredor da música, da memoria e do legado cultural que Hernán Naval deixou en Viveiro.

Comida en Ribadeo

Esta iniciativa organízase de maneira conxunta coa Asociación Francisco Lanza de Ribadeo, que celebrará o sábado 16 de maio o seu propio acto de homenaxe a Hernán Naval na vila, cunha comida de confraternidade e un concerto da banda e da coral de Ribadeo. Desde Pensamento e Sementeira destacan que esta homenaxe nace do agradecemento e da vontade de lembrar unha persoa que deixou unha fonda pegada na cultura da vila e en varias xeracións de viveirenses.