Sementeira de Viveiro organizará a terceira Foliada do Maio o sábado 9 na Escola Vella de Galdo

L.R. VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

<span lang= gl >En imaxe de arquivo, obradoiro de baile tradicional de Sementeira</span>
En imaxe de arquivo, obradoiro de baile tradicional de Sementeira

Haberá un obradoiro inclusivo de baile ás 18.00 horas e concertos desde as 19.30 horas antes dunha foliada aberta

05 may 2026 . Actualizado a las 10:20 h.

O colectivo Pensamento e Sementeira de Viveiro organizará este sábado, 9 de maio, a terceira Foliada do Maio na Escola Vella de Galdo. A cita festiva dará comezo ás 18.00 horas cun obradoiro inclusivo de baile a cargo de Cris Canosa que levará por título "TradInclusivo". Os concertos, que darán comezo ás 19.30 horas, serán ofrecidos por Pandereteiras da Sementeira, A Requinta de Lampai, Xaora e Lina e Lola. Ó rematar haberá unha foliada aberta. Colaboran o Concello de Viveiro e a área de Cultura e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Segundo destacan desde a organización, haberá ademais barra para bebida e comida, con empanada de Galdo, e sorteos. Por outra banda, o venres 15 de maio, a partir das 20.00 horas, Sementeira promoverá no Teatro Pastor Díaz unha homenaxe a Hernán Naval polo vixésimo quinto aniversario do seu pasamento. Colaborará a asociación cultural Francisco Lanza de Ribadeo. «Moita xente coñece a Hernán pola súa faceta como músico, pero o seu traballo foi moito máis amplo. Estivo moi implicado no tecido asociativo da vila, defendendo sempre a cultura galega desde o compromiso e o traballo colectivo. Foi presidente da Asociación Cultural Sementeira, unha entidade fundamental para dinamizar a vida cultural do pobo. Desde Pensamento e Sementeira queremos renderlle homenaxe lembrando todo ese labor, porque a cultura que temos hoxe tamén se constrúe sobre o que persoas como el deixaron feito. Neste día contaremos coas intervencións de Francisco Luís R. Guerreiro e Carlos Nuevo, ademais das actuacións musicais de David Bellas, o Grupo de Cámara do Conservatorio de Viveiro e o Sexteto Vocal SondeNós», destacan desde o colectivo que preside Xiana Naval Chaves.