Completo álbum da Comida do Maior de Viveiro, na que se homenaxeou a Amador López Albo, de 100 anos

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

A cita tivo lugar este sábado no restaurante do hotel O Val do Naseiro

20 abr 2026 . Actualizado a las 13:36 h.

Ao redor de 360 comensais gozaron este sábado ó mediodía da primeira Comida do Maior de Viveiro, que organizou o Concello no restaurante do hotel O Val do Naseiro, en San Pedro. Veciños de todas as parroquias do municipio tiveron a oportunidade de degustar un menú especial a base de callos de primeiro e costela de porco asada ó estilo da avoa Adelina de segundo. De beber servíronlles viño branco e tinto da casa, ademais de cervexa, refrescos e auga. De sobremesa houbo tarta xeada e café. As persoas empadroadas en Viveiro abonaron 10 euros, mentres que as non empadroadas pagaron 30.

Co lema «Un día para compartir, lembrar e disfrutar xuntos», a comida desenvolveuse nun ambiente totalmente festivo no que non faltaron a música e o baile. Ben entrada a tarde, a alcaldesa viveirense, Mariña Gueimunde, destacaba que a xente estaba gozando espeso dun encontro que é habitual noutros municipios da comarca mariñana, como O Vicedo, Xove ou Ourol, entre outros, pero que en Viveiro, ata agora, nunca tivo lugar de maneira regrada. Mulleres e homes, homes e mulleres, compartiron anécdotas, vivencias e recordos, e tamén falaron de presente e de futuro.

Amador López Albo, veciño de Magazos de 100 anos, recibiu un agasallo

O Concello de Viveiro organizou por vez primeira unha comida dedicada ós maiores na que houbo sorteos e tamén un premio para o participante de maior idade. Foi José María Amador López Albo, veciño de Magazos de cen anos de idade que conserva o bo humor. «Mesmo recitou», destacou a alcaldesa, quen indicou que o propio Amador lle expresou o seu desexo de participar na comida que, segundo o previsto, terá lugar no 2027. Terá para daquela 101 anos. «Fíxoselle unha pequena homenaxe a Amador, e a verdade é que na comida houbo moi bo ambiente, con toda a xente encantada. Foi unha marabilla», subliñou Mariña Gueimunde, quen, segundo dixo, agradeceu as ideas que lle achegaron os veciños á hora de posibles actividades futuras, como campionatos de tute, entre outras.

«Os maiores teñen moitas inquietudes que lles imos axudar a encauzar»

«Os maiores supoñen unha achega moi importante á nosa sociedade por todo o que traballaron e por todo o que aínda fan. E teñen moitas inquietudes que lles imos axudar a encauzar porque teñen moitas capacidades e moita creatividade», destacou este sábado a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde González, que participou no Val do Naseiro na primeira Comida do Maior, á que asistiu canda outros tres membros do goberno local: Martín Vale Cobo (tenente de alcalde), Saray Ventura Fernández e Vicente Vázquez Chao. Non acudiu, iso si, ningún representante da oposición. A rexedora destacou diferentes actividades que se levan impulsado neste tempo, como a gravación dunha curtametraxe co director Manolo Gómez, premio Goya, que se estreará nuns días, ou os bailes nas diferentes parroquias.