Oliver Insua, viveirense, cantante, acróbata e repoñedor, representará a A Mariña en Recantos, de Luar

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Oliver Insua, cantante de Viveiro que representará a A Mariña en Recantos, de Luar
Oliver Insua, cantante de Viveiro que representará a A Mariña en Recantos, de Luar cedida

Solista da orquestra Metrópolis, de 37 anos, representará á comarca da Mariña no popular concurso da TVG, que presenta Xosé Ramón Gayoso este venres

13 oct 2022 . Actualizado a las 12:25 h.

Conta Oliver Insua Piñeiro (Viveiro, 1985) que a música é a súa paixón desde pequeno. «Sendo un neno miña avoa, que foi cociñeira toda a vida, meteume na Coral Polifónica de Viveiro e o primeiro micrófono que tiven foi dela, cantaba enriba da mesa da cociña. A primeira canción que cantei foi ‘Doce cascabeles' de Joselito, e a primeira vez que actuei en público foi nun dos festivais que se organizaban na OJE de Viveiro. Tería uns 8 anos», sorrí cunha mestura de orgullo e nostalxia o cantante viveirense que este venres, 14 de outubro, se estreará como representante da comarca da Mariña no concurso Recantos do programa televisivo Luar, da TVG. «Representar á miña terra supón unha responsabilidade e un orgullo moi grandes. Para min é un luxo e teño nervios tamén, pero atacaremos a todo dar», comenta Oliver, que leva toda a vida dedicado «ó mundo da verbena» e que fai acrobacias aéreas no escenario. Entre outros, foi cantante nas orquestras Trébol, Costa Dorada e Metrópolis. Con esta última acaba de rematar a xira de verán. «Sempre tiven a gran sorte de dedicarme ó que me gusta, que é a verbena», comenta o cantante, que recoñece ter pasado dous anos «moi complicados» a nivel laboral como consecuencia da pandemia do coronavirus.

Nun supermercado

A inestabilidade do sector cultural nos últimos anos levouno, entre outros, a traballar noutros sectores. Deste xeito, rematado o verán agora traballa nun dos supermercados da cadea Eroski en Santiago, onde reside habitualmente.

Seu pai, Manuel Insua, toca a gaita e é membro, entre outros, do grupo de adultos Os do 21, do Vicedo. «Encántame que faga tantas cousas», destaca Oliver, que este venres en directo contará co apoio de seus pais e de súa tía, así como de varios amigos.

Nunha actuación coa orquestra Metrópolis
Nunha actuación coa orquestra Metrópolis

DNI

Naceu en Viveiro no 1985 aínda que actualmente reside en Santiago.

Leva toda a vida dedicado ó mundo da verbena e cantou en Trébol, Costa Dorada ou Metrópolis.

Este venres competirá coa representante de Terras de Santiago. Interpretará dous temas elixidos pola organización. Un individual, que leva preparando dúas semanas, e un a dúo, que prepara desde hai tres.