O «Paparrexo» de XMaseda conquista desde Cangas a California e Alemaña

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

XAIME RAMALLAL

O novo tema do rapeiro de Viveiro superou as 8.300 visualizacións en 48 horas

09 ene 2022 . Actualizado a las 21:57 h.

«Fixéchesme chorar sen coñecerte de nada! Enorme sigue así e moito ánimo!», «Hay que tener mucha valía para hacer esto», «Fixéchesme derramar algunha lágrima ao velo recordando perdas moi grandes que por desgraza eu tamén sufrín... Grazas por ensinarlle ao mundo a valía do noso idioma!», «Non teño palabras, que arte! Chorando me tes, é que os avós son eternos...» ou «Enorme, fíxome saltar as lágrimas. Meu pai tamén se foi fai uns meses e xa sabes canto se bota de menos os nosos seres queridos. Unha aperta e grazas por esa canción que todos faremos nosa» son tan só unha pequena mostra da infinidade de comentarios positivos que está xerando nas redes sociais «Paparrexo». O tema co que o rapeiro viveirense XMaseda (Xosé Maseda Calvo, 19 anos) homenaxea ó seu avó, José Maseda Gómez, que faleceu como consecuencia dun cancro hai pouco máis dun ano, está cativando a todo aquel que o escoita. Desde Viveiro e O Barqueiro (Mañón), o pobo natal de José e onde foi gravado boa parte do vídeo, a Ribadeo e Cangas do Morrazo pasando por California, en Estados Unidos, e mesmo Alemaña.

O pulo da canción é tal que en apenas 48 horas na canle de Youtube XMaseda65 superou as 8.300 visualizacións. Deste xeito, son moitos os internautas que confesan sentirse identificados dalgunha maneira cun tema que retrata cunha mestura de crueza, amor e emotividade a fortísima tormenta de sentimentos encontrados que xera a perda dun ser querido.

«Queremos loitar contra a morte e nacemos perdendo. Queremos transcender da materia e ser eternos, pero po somos e en po nos converteremos. O peor é que o sabemos, aínda que fagamos como que non. Non te podes dar unha idea do que te boto de menos. Teño medo de olvidarme da túa voz. Oxalá puidera tatuarma como a túa man co neno. Teño medo de olvidarme dos paseos, dos segredos, desas cousas que só sabiamos os dous» canta XMaseda. O rapaz estuda a carreira de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela despois de lograr a nota máis alta na modalidade de Ciencias puras en segundo de Bacharelato do IES Vilar Ponte de Viveiro no curso 2019-2020. Un 9,9.

Das ciencias puras ás letras

Porén, Maseda finalmente decidiu cambiar as matemáticas, a física, a química e o debuxo técnico polo estudo da ciencia que estuda a lingua e a literatura propias de Galicia. Algo no que influíu de maneira decisiva o seu gusto polo rap social en galego. Unha afección na que se iniciou sendo tan só un neno da man das súas dúas irmás, que escoitaban á banda de rap en galego Dios ke te crew. O ano pasado, Maseda publicou o tema «Memorias dun adolescente», que tamén acumulou milleiros de visitas en apenas unhas horas. «Aínda que parece que vai todo para abaixo, que as novas xeracións van a peor e, o que si é certo, que nos estamos cargando o planeta, creo que tampouco é todo tan malo. O que pasa é que os malos fan moito máis ruído que os bos», sinalou daquela.