Paco Salgueiro firma un documental que lembra os 300 años da legalización da Feira das Maulas en Galdo

y. garcía XOVE / LA VOZ

VIVEIRO

CEDIDA

O vindeiro 8 de maio, presentará en Viveiro un traballo audiovisual que recolle valiosas testemuñas veciñais e fotografías irrepetibles

22 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do libro «Galdo, o que queda na memoria», o burelense Paco Salgueiro nado na parroquia viveirense volve a ser autor, esta vez dun documental conmemorando os 300 anos da legalización da Feira das Maulas (1721-2021). Feito co seu intenso apego ás súas raíces en Galdo (Viveiro), que xa evocara naquel libro anterior, e sen máis ferramentas tecnolóxicas que o seu móvil e un programa que lle axudaron a inmortalizar testemuñas veciñais valiosas como as de Agapito «do Carolino», Paca «de Sergio», Manolo «de Ignacio», Paco «de Basanta», Lucha «de Generosa», Mari Luz, Enrique «Osorio», Paco «de Mandiá», Perfecto «do Sargento», Pancho «O xoieiro», Salvador «da Adela», Valle, Aurora «do Melchor», Ramón «Ray» ou Manuel «do Carabellón». Tamén saen no audiovisual o mesmo autor e a alcaldesa viveirense, María Loureiro, e a modo de documentos que son tesouros dun tempo pasado fotografías aportadas por dez colaboradores máis: Foto Carlos, Teresita «de Moreiras», Manolo «de Pozos», Geluca «de Villegas», Herminia e Paco «de Mandiá», Lucha «de Generosa», Valle, Mari Carmen e Claudio.

Nun tríptico especial a modo de presentación, aparte dunha que fará en Viveiro o 8 de maio, Salgueiro explica a produción que houbo tempo atrás en Galdo de viñedos, cereais, patacas, gandeira, apícola ou artesana, exemplo do «carácter emprendedor das súas xentes». Sinala que foi a iniciativa veciñal a que creou a finais do século XVII a chamada Feira Franca de Galdo, «carente inicialmente de calquera autorización e, por tanto, exenta de impostos fiscais». Dela nacería a feira anual do 8 de maio, «precursora das Maulas e motivo de múltiples disputas co veciño Concello de Viveiro», pois daquela Galdo tamén era Concello. En 1721, o Real Consejo de Castilla legalizaría aquela feira.

-Primeiro foi o libro, en 2018: «Galdo, o que queda na memoria».

-O documental naceu, sobre todo, polo libro. Sufragaran os gastos a Deputación e o Concello de Viveiro e fora un éxito total.

-Agora recolle máis testemuñas.

-Hai unha necesidade de comunicación por parte da xente maior. Fun recollendo todas as vivencias da xente... de taberneiros, tratantes, xente que xogaba ao fútbol ou que participaba nas carreiras... O principal da Feira das Maulas é o comercio pero contáronme historias que nin sabía e fun recopilando toda esa información, o ano pasado e o anterior pola presión de que «tiña que facer algo». Tamén teño bastantes libros de Carlos Nuevo e Enrique Cal Pardo(...). Hai moitas curiosidades, partes que xa as contei no libro, pero estas testemuñas están máis centradas na Feira das Maulas. Alí vendíase de todo! Cando lin Los pilares de la tierra dixen ‘esto parécese á feira de Galdo' porque vendían lá, semillas, zocas, apeiros... Era un acontecemento e unha riqueza alí. Lembro de pequeno como os gandeiros, mentres ían comer, lle pedían gardar o gando a meu pai e a cambio dábanlle un diñeiro.

"Alí vendíase de todo! Cando lin Los pilares de la tierra dixen ‘esto parécese á feira de Galdo'"

-Hoxe a feira non é o que era.

-As carreiras tampouco son o mesmo. No documental falo delas, porque entrevistei ao campión de campións. Leveime unha desilusión porque para atopalo... tela marinera! Manolo «do Carabellón». Estaba na residencia en Xove e aos tres días de habelo entrevistado chamáronme para avisarme que falecera. Paseino moi ben con todos pero con el foi o que máis, era unha alma especial. Lembro na miña xuventude que ganaba continuamente cun cabalo negro, e contoume anécdotas que van no documental. Foi do que máis me fixo rir durante toda a gravación.

-Como a levou a cabo?

-Son un afeccionado, que fago todo co móbil. Este é o meu terceiro documental, co que quero homenaxear a miña nai que morreu o ano pasado: Lola de Elisa. Dura 40 minutos e saen 15 veciños, máis a alcaldesa, pero cun veciño só xa podía facer o documental, porque a xente maior ten unha necesidade de comunicación. Non lles prestamos a atención que merecen e son os que saben as historias.

-É un modo de arquivar a tradición oral, para conservala. Labor útil incluso para as vindeiras xeneracións, non?

-Cando presentei o libro xa dixen: ‘Este é un momento de WhatsApp pero algún rapaz non sabe a que se dedicaron seus avós'. É verdade!(...) Unha das cousas que máis valoraba eu de miña nai é que os recordos da súa xuventude os tiña máis frescos. Pero todo iso desaparece...