«Animo a percorrer os escaparates para sentir o rico patrimonio da Semana Santa»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

José Veiga, nos claustros de San Francisco
José Veiga, nos claustros de San Francisco XAIME F. RAMALLAL

Non haberá procesións nin carpa, pero si iniciativas para «ambientar»

28 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia do coronavirus alterará de novo neste 2021 a Semana Santa de Viveiro, declarada de Interese Turístico Internacional. Non haberá procesións e tampouco se instalará detrás da igrexa de San Francisco a carpa Antesala dun Museo, na que milleiros de persoas coñecen e gozan cada ano de parte da súa valiosa imaxinería, pero a Xunta de Cofradías impulsará varias iniciativas para alimentar dalgún xeito as ganas e as expectativas de cofrades, visitantes... «O ano pasado a estas alturas estabamos todos na casa, confinados. Este pódense facer algunhas cousas», reflexiona o seu presidente, José Veiga Golpe (Viveiro, 1967).

-No 2020 houbo que suspender a Semana Santa, e este ano tamén será distinta...

-Sabíamos desde o principio que ía ser moi complicado celebrala, sobre todo o tema das procesións. Si contábamos con montar a carpa e facer máis cousas, pero ó haber un brote tan grande en xaneiro desistimos do tema. Estar dous anos seguidos sen Semana Santa é duro porque traballas todo o ano para preparala e a xente anímase moito cando saen as procesións, pero non pode ser e non hai que facerlle. Non se pode correr ningún risco dese tipo.

-Outras cidades con forte tradición «semanasanteira», como Ferrol, sacarán pasos á rúa para que a xente os poda visitar. Por que Viveiro deixou de lado a idea?

-Máis que as visitas, nas que se podería controlar o aforo, por exemplo, pensamos que era un risco moi grande a montaxe da carpa. E poño un exemplo: para baixar a anda do Prendemento da estantería onde está temos que ir 30 ou 35 homes aí xuntiños, e non queriamos correr ese tipo de riscos porque se hai un brote outra vez en Viveiro pode ser un desastre. Non compensa. Sabemos que noutros sitios de España están facendo montaxes e carpas, pero non. Non é por falta de ganas, pero cremos que é máis importante a saúde.

-Que tal foi a resposta dos comercios de Viveiro á proposta de ambientar os escaparates con elementos da Semana Santa?

-Boa, boa. Hai uns 40 comercios que van participar, e na metade, uns 20 que deixan o escaparate completo, imos montar unha exposición potente con estandartes, candelabros..., para que a xente poda facer un percorrido por Viveiro vendo un pouco o patrimonio das cofradías. Os escaparates vanse poñer por cofradías, e igual nunha, por exemplo, está o estandarte da Piedade co seu hábito e ornamentos: farois... No seguinte igual un do Prendemento ;noutro igual algo de música cun traxe da banda TAU, con tambores, cornetas... Queremos que se viva un pouco o ambiente de Semana Santa e a xente que veña quede con ganas de volver outro ano.

-Cando abrirá a exposición ao aire libre na Praza Maior de fotografías de Toño Goás?

-O sábado, igual que a exposición itinerante sobre a Catedral de Mondoñedo que quedou pendente do ano pasado.

-Tamén fixeron libro-pregón...

-É unha edición máis pequena, coa metade de páxinas dun ano normal. Fixémolo coa idea de manter a tradición e que quedase reflectido este ano de pandemia. Escriben sobre iso o sacerdote Juan Basoa e tamén Moncho Pernas. Editamos 2.500 exemplares e repartirémolo no local multiusos do Concello, pero coas medidas que nos marquen de protección de covid para que non haxa moito risco. Ademais editamos 5.000 exemplares dun pequeno programa de man cos horarios dos cultos, das retransmisións..., e que leva un código QR que accede á nosa canle de Youtube. Estarán repartidos polos comercios. Sempre editábamos 15.000. E editamos 500 carteis.

-Aventúrase a imaxinar como será a Semana Santa do 2022?

-Seguro que van cambiar moitas cousas nas cofradías porque a nivel sanitario e hixiénico haberá que cambiar moitos hábitos que había na roupa e en mil cousas, pero todo ten amaño. Iso é o de menos.

Pequena guía do patrimonio que se pode visitar en igrexas e capelas

EXPOSICIÓN PERMANENTE DOS CLAUSTROS DA IGREXA DE SAN FRANCISCO: Última Cea, Oración no Horto, Cristo da Caña, Cristo do Encontro, San Pedro, Prendemento, Virxe da Esperanza, Verónica e San Xoán do Encontro.

IGREXA DE SAN FRANCISCO: Piedade, Dolorosa, Flaxelación, Ecce Homo dos Franceses e Cristo da Agonía.

IGREXA DE SANTA MARÍA: Cristo Xacente, María Magdalena, Virxe da Soidade e San Xoán.

CAPELA DA MISERICORDIA: Ecce Homo e Virxe da Clemencia.

Haberá 52 retransmisións virtuais de procesións e actos

Ás horas en que deberían estar na rúa, a Xunta de Cofradías de Viveiro retransmitirá de maneira virtual as procesións a través da súa canle de Youtube e das súas redes sociais, ao igual que fixo no 2020. «Imos intentar repetir o mínimo posible, con imaxes novas que nos foron cedendo, e tamén algo novo que está preparando Horacio Albo. En total haberá 52 retransmisións, incluíndo o Adral», sinala José Veiga, que anima á xente a acudir aos actos litúrxicos que se organizarán nas igrexas, e nos que aforo estará limitado, e tamén a facer percorrido polos escaparates de Viveiro. «Vai ser unha Semana Santa moi distinta porque haberá misas e actos sinxelos nas igrexas, pero os aforos son limitados, non se moverán os santos, non vai haber lavatorio de pés..., pero temos que ir», comenta.