Juan José Pardo Gato, ex director do IES María Sarmiento (Viveiro): «Cada alumno é unha persoa cos seus intereses e hai que darlle saídas a todos»

Profesor de Automoción recén xubilado, quen tamén foi concelleiro en Viveiro e nas Pontes defende un ensino que atenda á diversidade real que existe entre os rapaces

Pardo Gato diante do actual María Sarmiento de Viveiro, no que estudou, foi profesor e director
Pardo Gato diante do actual María Sarmiento de Viveiro, no que estudou, foi profesor e director

viveiro / la voz

Xubilado desde hai unhas semanas, o profesor Juan José Pardo Gato (O Sixto-Ourol, 1959) transmite paixón polo que foi o seu traballo desde principios dos anos oitenta: o ensino. «Ás veces recalcamos os problemas porque o que facemos é xestionar problemas, xa que o que vai ben non hai que xestionalo, pero non pode haber unha profesión mellor, foi ideal. Os compañeiros foron magníficos e, ao contrario do que se di moitas veces, os alumnos cada vez son mellores salvo tres ou catro que hai polo medio que ó mellor teñen os seus problemas e ó mellor a sociedade non é capaz de estar á altura», reflexiona este técnico especialista en Automoción que foi director do IES María Sarmiento de Viveiro e do antigo IFP As Pontes (actual IES Castro da Uz), ademais de concelleiro co Partido Popular nos dous municipios.

-Recorda o seu primeiro día como profesor?

-Foi no instituto de FP das Pontes, un centro que daquela estaba abrindo, e máis que encontrarme cos alumnos, abrir os apuntes, os talleres e as prácticas, o que máis me chocou foi que aquel primeiro día eu ía preparado para empezar ás oito da mañá, moi estrito, como se fora unha empresa, e o xefe de estudos díxome que esperase porque primeiro me tiñan que facer o horario [sorrí].

-Que supuxo a súa volta como docente á Maestría (actual María Sarmiento), onde estudara?

-Foi emocionante. Naquel momento ó mellor non me daba conta, pero volver de profesor no 1988 a onde estivera de alumno tivo moita importancia. Coa democracia viñeran moitos medios ós centros. Nos anos oitenta houbo un apoio real á Formación Profesional como non volveu haber. O noso centro é un dos primeiros de Galicia porque xa nos anos trinta existía e nos sesenta pasou ó edificio actual como Escola de Maestría, algo que só había nas capitais e creo que en Monforte. Naqueles anos montouse un centro de FP case en cada pobo: en Ribadeo, en Burela, na Pontenova... Coa LOXSE pasaron a ser IES.

«Moitos políticos entenden de facer unha festa ou plantar un pino, pero de industria non lles fales. O noso país é marabilloso, pero ten defectos moi graves que non axudan a progresar. Electromecánicos Viveiro é unha rara avis. Sería o exemplo a seguir»

-Con todo, para algúns a FP aínda segue a ser considerada a irmá pobre ou pequena do Bacharelato...

-Todas as lexislacións educativas en España parten dos principios básicos de igualdade e equidade, pero o que apoian todas é a atención á diversidade de persoas. Iso é fundamental. Cada un dos 800 ou 900 alumnos que ten o Sarmiento é unha persoa cos seus intereses e hai que darlle saída a todos. Hai xente que vai moi ben en todas as materias, fai a ESO e o BAC e vai a outras ensinanzas superiores. Pois vale, estupendo. Pero hai outra xente que, indo ben, quere facer unha ensinanza profesional, e aquí temos os ciclos formativos, medios e superiores, que facilitan unha tecnificación que hoxe é fundamental para desenvolver calquera profesión. E tamén hai rapaces que non chegan á ESO porque se atascan nas doce materias e poden facer unha FP básica que lles permite titular e integrarse na sociedade. A FP básica salva a moitísimos rapaces. Pero na metade dos centros de España iso non se leva a cabo por corporativismo do profesorado. Ten que haber licenciados, pero non todos teñen que ser así. Hai moitas empresas esperando por traballadores cualificados.

«Hai rapaces de BAC que estudaron polo mundo e aínda esperan un bo traballo en relación a ese sacrificio, mentres que algúns que fixeron a FP básica teñen empregos definitivos. Non sei se é o mesmo nivel, pero o segundo caso está integrado na sociedade»

«Pensaba que a política era para mellorar o país, pero vin que había outros intereses»

Recolle unha crónica publicada neste periódico que nun pleno municipal de Viveiro celebrado en xaneiro do 2011 «o edil non adscrito e director de instituto» Juan José Pardo Gato, que ata pouco antes fora militante e concelleiro do PP, pediulle ós membros da corporación que usasen «unha linguaxe respectuosa e de certa altura intelectual, similar á que utilizan a maioría dos cidadáns» cando falasen en público ou se dirixisen ós medios de comunicación, sen caer na falta de respecto ou mesmo no insulto. Algo que naquel momento na corporación viveirense ocorría practicamente día si e día tamén.

«Igual que me deu agora por xubilarme, case dun día para outro e sen que ocorrese nada en concreto, daquela [mediados dos anos oitenta] deume por meterme na política. Cando din o salto xa era funcionario con destino definitivo e nunca en política participara. Pensaba que a política era para mellorar o país ou a xente, pero vin que había outros intereses. Que para moita xente é unha carreira, que hai xente profesional que vive diso e que os partidos políticos teñen os seus propios intereses dentro. Ou sinxelamente que eu non tiña o perfil de político, algo que tamén pode pasar, porque penso que son máis empresario de obxectivos, máis xestor que político», reflexiona dez anos despois.

Pardo Gato foi concelleiro nas Pontes de García Rodríguez un par de anos que coincidiron coa súa etapa á fronte do instituto de FP do municipio. Anos máis tarde, xa en Viveiro, accedeu á corporación municipal coincidindo coa súa etapa como director do IES María Sarmiento, aínda que lle cadrou un momento especialmente convulso para o Partido Popular durante o que a maior parte dos concelleiros populares pasaron ó grupo de non adscritos.

Newsletter Educación

Recibe todas las semanas la información más relevante sobre educación

Votación
4 votos
Comentarios

Juan José Pardo Gato, ex director do IES María Sarmiento (Viveiro): «Cada alumno é unha persoa cos seus intereses e hai que darlle saídas a todos»