«O ataque en San Roque proba que nesta zona o lobo está en expansión»

Lucía Rey
lucía rey VIVEIRO / LA VOZ

VIVEIRO

Méndez, cos burros da reserva onde viven 40 ponis, gamos, ovellas, cans e un ñandú
Méndez, cos burros da reserva onde viven 40 ponis, gamos, ovellas, cans e un ñandú XAIME RAMALLAL

Carlos Méndez, presidente da Comunidade de Montes de San Roque, explica que comuneiros meteron nunha hectárea en lugar de en tres 40 animais para intentar que o lobo non os «vece»

04 mar 2021 . Actualizado a las 21:26 h.

Ata que o pasado domingo os lobos mataron un dos tres ponis de San Roque, en Viveiro, parecía que os seus ataques só afectaban a gandeiros de Ourol, O Valadouro, Xove ou Viveiro que levan anos denunciando grandes perdas. E máis agora que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico quere aumentar a protección do lobo e prohibir a súa caza sexan cales sexan as circunstancias. O ocorrido na reserva de animais da área recreativa do monte viveirense, pola que a diario pasan ducias de visitantes, engade leña ao lume do debate e «proba que nesta zona o lobo está en expansión, non en perigo de extinción», segundo o presidente da Comunidade de Montes de San Roque, Carlos Méndez.

-Trátase do primeiro ataque na reserva. Saben se se tiñan divisado lobos cerca?

-Nas inmediacións non, pero membros da comunidade de montes teñen no monte gando en extensivo: con vacas, becerros, cabalos, poldros…, e aí xa atacaran mesmo este ano. Pero estamos falando do Penedo do Galo, Monte Maior..., puntos altos e alonxados da reserva que temos abaixo, que está na área recreativa, a uns 300 metros sobre o mar.

-Os ponis estaban pechados, e aínda así o lobo atacou...

-Estaban en tres hectáreas cerradas con tres arames para que non saian os ponis nin os burros, pero o lobo si pasou. O domingo os cazadores tiñan día de caza e avisáronnos sobre as oito da mañá de que un poni estaba morto. Calculamos que foron catro lobos porque o arrastraron e sacárono por debaixo dos arames, e logo baixárono á estrada tirando del cara un terraplén, pero debeu pasar un coche ou algo e escaparon.

-Saben cara onde fuxiron?

-Polas pisadas que atopamos tiraron cara a Naín. Xa están cerca das casas, eles non respectan nada, élles igual. Témolos encima porque supoño que se buscan a vida. Fan quilómetros e mantéñense onde están. Agora tocou esta zona e encontraron comida fácil porque os ponis son mansos. Decidimos meter os animais nunha hectárea, en lugar de en tres, para ver se o lobo non os veza.

-Que mensaxe lles enviaría ás administracións?

-Diríalles que crearan reservas para animais en perigo de extinción que sexan autosuficientes e equilibradas para que non invadan espazos gandeiros nin espazos como son os nosos, que son reservas de animais de distintas especies. A gandería sempre conviviu con ataques de lobos. Iso é algo podía ser asumido ata agora, pero a situación está variando ata o punto de ser insostible, polo menos nesta zona, e algo hai que facer. Nós imos mirar ata onde podemos chegar.

 

«Non todos os pobos teñen un lugar onde os nenos poden tocar e darlle pan aos animais»

O poni da reserva de San Roque atacado polos lobos levaba uns sete anos nun espazo natural creado no 1997 no que conviven outros dous ponis, cinco burros, gamos, ovellas, mastíns e un ñandú. En total, ao redor de 40 animais que causan sensación. «Non todos os pobos teñen un lugar onde os nenos poder tocar e darlle pan aos animais», expón o presidente dos comuneiros, Carlos Méndez, que di que os cartos que lle custa á comunidade soster a iniciativa son compensados polas satisfaccións que xera. De aí que non queren que o lobo acabe con ela. «Non estou en contra dos lobos porque existiron toda a vida. O problema non son os lobos en si, senón o número. As mandas aumentan, hai más ataques ao gando e a todo o que podan coller», sostén.

Os comuneiros de Burela celebrarán este xoves unha asemblea ordinaria

A Comunidade de Montes Veciñais de Burela celebrará mañá, xoves 4, unha asemblea ordinaria. Dará comezo no auditorio da Casa de Cultura de Burela en primeira convocatoria ás 17.30 horas, e en segunda ás 19.30. Na orde do día figura o desconvenio da zona da mina Euroarce, Chao de Lodeiro, Lagares e Ribeira.